Concentración na Coruña para apoiar a Nicanor Acosta

Este veterano militante republicano é acusado de ser o líder e convocante dunha concentración para reivindicar a tramitación da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) presentada pola Plataforma Stop Desafiuzamentos a nivel estatal en 2013.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 03/04/2016 | Actualizada ás 11:03

Comparte esta noticia

A Plataforma Stop Desafiuzamentos convoca unha manifestación diante dos xulgados na Coruña este luns ás 10.00 horas para amosar, deste xeito, o seu apoio a Nicanor Acosta, que ten un novo xuízo acusado de ser líder e convocante dunha acción, que tivo lugar o 9 de abril de 2013, que formaba parte dunha campaña convocada con carácter estatal para reclamar ao PP que tramitase unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILX) de 2013.

Nicanor Alonso Costa, nomeado Republicano de Honra de 2015
Nicanor Alonso Costa, nomeado Republicano de Honra de 2015

Esta ILP, que foi asinada por 1.402.854 persoas, reclamaba a dación en pago retroactiva, a paralización dos desafiuzamentos que afecten a vivenda habitual e que as afectadas puideran seguir na vivenda en réxime de aluguer social. Esta proposta foi modificada polo goberno do PP ata facela irrecoñecible, “non recollendo plenamente ningunha das propostas da PAH, limitándoa en gran medida e introducindo un gran número de inconvenientes para dificultar o acceso das persoas a estas medidas”, apunta este colectivo.

As sancións impostas aos activistas deste colectivo ascenden xa a 15.195 euros. “Constatamos que, coa entrada en vigor da Lei Mordaza, a represión a través de sancións se ten endurecido e é aínda máis arbitraria”, critica esta asociación que indica que se teñen legalizado prácticas comúns da policía como as listas negras con datos de activistas que non son identicados e son acusados de organizar protestas convocadas a nivel estatal “como sucedeu na pasada manifestación contra a Lei Mordaza onde se desencadeou a violencia policial”.

Por iso, denuncia que as multas e os xuízos son “outra forma máis de represión” por parte da Subdelegación do Goberno na Coruña “que teima acusar e sinalar as persoas que reclaman o cumprimento dos dereitos de todas”. Neste sentido, suliña que cando o militante republiano Acosta foi acusado e multado “chegamos á conclusión do que realmente se estaba penalizando foi a vitoria conseguida no caso de Aurelia Rey”, que tivo lugar só catro meses antes destes feitos.

Nesa época eran xa 17 as persoas que acumulaban propostas de sanción introducidas baixo epígrafes como o de “instigar ás masas”, “alterar a seguridade cidadá” ou “desobediencia”. Ademais, a PAH apoia a iniciativa Amnistía Social Xa! Derogación das Leis Mordaza que pide que cesen as represalias contra as persoas que demandan os seus dereitos básicos na rúa. “Con isto todas nós estamos a sufrir non só a falta de dereitos senón a rigurosidade das leis vixentes e a desproporcionada actuación dos corpos de seguridade”, denuncia.

Un cento de persoas se concentraron ante a casa de Aurelia Rei para impedir o seu desafiuzamento
Un cento de persoas se concentraron ante a casa de Aurelia Rei para impedir o seu desafiuzamento | Fonte: Ubaldo Cerqueiro

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Wurriato

Ollo, concentración hai, pero non fronte á sede do PP. É ás 10.00 no Edificio Proa, en Matogrande, onde se celebra o xúizo. Polo demais, gran artigo sobre un grande. Forza, Nico!