“Aos dez minutos de ter as mans sen luvas para traballar tes sensación de conxelación”

Xurxo Gago, científico e biólogo, é un dos privilexiados por poder traballar nunha das rexións máis inhóspitas do planeta, a Antártida. Alí foi para descifrar os mecanismos que permiten ás plantas sobrevivir nos ecosistemas máis extremos. Atópase en Bahía Almirante, na illa do Rey Jorge, onde, a pesar de ser verán, a sensación térmica é de -11 a -15º "día si e día tamén".

Por Xurxo Salgado | Compostela | 11/04/2016 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Que fai, desta volta, un galego na Antartida?
Estudar cómo fan para sobrevivir as prantas en ambientes extremos, e claro a Antártida, incluso no verán (no hemisferio sur de de decembro a febreiro) é un ambiente bastante extremo. A idea do proxecto é descifrar os mecanismos que permiten ás plantas sobrevivir nos ecosistemas máis extremos do planeta. E se somos capaces de entendelos logo aplicalos aos cultivos porque o cambio climático vai impoñer condicións ambientais cada vez máis difíciles.

Dous pingüinos na Antártida
Dous pingüinos na Antártida | Fonte: Xurxo Gago

Seica comezaches un proxecto interesante, nunatak, que axudará a difundir o GC. De que se trata?
Nunatak, é un proxecto de divulgación científica. Nunatak, significa en inüit (esquimo) montaña que emerxe no medio dun campo xelado. É coma un símbolo de resistencia, e no noso caso simboliza a capacidade das prantas para sobrevivir en lugares case imposibles para a vida. Conforme vaiamos avanzando nas nosas campañas científicas nos hábitats máis extremos do mundo iremos compartindo as nosas experiencias, peripecias, sensacións e resultados...Certamente, manteremos o GC informado e en total colaboración, e cando teñamos internet dispoñible os comentarios dos seus lectores.

Ti es biólogo. Supoño que haberá outros científicos. Cales e que función fan?
Neste caso o proxecto ven dirixido polo noso grupo na Universitat de les Illes Balears en coordinación ca Universidade do País Vasco, pero estamos en colaboración con xente de todo o mundo, por suposto cos chilenos da Universidade de Temuco, de Concepción, de Valdivia así coma o Max Planck de Berlín, colegas científicos en Sudafrica, USA, Australia, Noruega... En fin... que temos unha rede extensa de colaboradores, senón sería dende logo imposible un proxecto global de tal magnitude.

Cóntame como é un día por esas terras?
A verdade é que a maioría neste caso son biólogos, pero claro, dentro de a bioloxía hai moitas especializacións que son campos inmensos... xenética, bioquímica, enzimoloxía, fisioloxía, ecólogos...  Niso estamos tentando xuntar a experiencia dos diferentes perfiles para afondar no que ocorre nas prantas pra poder crecer en ambientes inhóspitos.

E xa te acostumaches?  Que é o que máis te impactou?
Esta campaña no verán antártico é difícil de asimilar: aquí na illa do Rey Jorge (a antártica marítima que comparada con o continente é coma a Cuba caribeña) o "verán" son tódalas noites por debaixo de 0ºC, e polo día o normal é non subir de 6ºC ao mediodía xunto con ventos xeados que van entre 10-30 km/h nun día calmo...para que te imaxines, iso ponte en sensacións térmicas de entre -11 a -15ºC día sí e día tamén... É dende logo, un dos sitios onde máis difícil é traballar, para recoller mostras de prantas, aos dez minutos de ter as mans ao aire sen luvas a sensación de conxelación é tal que non podes nin cerrar os dedos pra seguir recolectando material!.

Unha imaxe da Antártida
Unha imaxe da Antártida | Fonte: Xurxo Gago

Nesa zona hai outras bases científicas. Hai relación entre elas?
Eu onde coñezo máis é a bahía Almirante, onde estamos nós. Tamén está a base polaca Artowcski, a Macchu Picchu peruana e a Ferraz brasileira. Hai moita colaboración e compañerismo entre as bases das diferentes nacionalidades. Eiquí a vida é tan difícil, que colaborando entre todos sempre resulta máis fácil.

Xa hai ecoloxistas que denuncian a proliferación de instalacións e a contaminacion dun lugar, ata fai pouco, virxen. Que opinas diso?

O tratado antártico establece que a Antártida é un continente destinado principalmente á investigación, ao coñecemento e a conservación. Si, probablemente cada vez a presión turística exerza outro factor a considerar na conservación do último continente case virxe no planeta. Neste momento a maior preocupación é que cómo vai afectar aos ecosistemas ó incremento da temperatura. Niso é exactamente noutro proxecto no que estamos colaborando dirixido polo grupo chileno do Dr. León Bravo. Ensinaremosvolo nos próximos capítulos do Nunatak.

E despois da Antártica, que toca?
Despois da Antártida, Andes Centrales e Atacama e o altiplano co deserto máis árido do mundo, e ademais a 5000 m de altura. A ver como vai esa aventura... 

O biólogo Xurxo Gago cunha bandeira galega das traineras da Pobra con outro grupo de investigadores na Antártida
O biólogo Xurxo Gago cunha bandeira galega das traineras da Pobra con outro grupo de investigadores na Antártida
O biólogo e investigador Xurxo Gago na Antártida
O biólogo e investigador Xurxo Gago na Antártida
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta