Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/03/2025 | Actualizada ás 10:17
Un total de 34 localidades galegas, incluídas o sete grandes cidades, súmanse este luns á convocatoria de mobilizacións realizada pola Coordinadora Galega con Palestina para denunciar a ofensiva do Exército israelí na Franxa de Gaza, xa que, en palabras dos seus convocantes, "a ocupación, o bloqueo e o xenocidio continúan".
As protestas, que xa estaban previstas e que se desenvolverán a partir das 19.30 horas, suceden nun contexto de violencia ascendente. Pese ao alto ao fogo declarado en xaneiro, Israel "rompeu unilateralmente a tregua asasinando a máis de 500 persoas nunha noite", denunciou Ánxela Gipinni, representante de Galiza con Palestina.
Por outra banda, Sami Ashour, presidente da Asociación Galaico Árabe, chamou a manifestarse polo "horror" que están a vivir as familias en Gaza e, desta forma, gritar: "Xa abonda de matar". Así mesmo, subliñou que Galicia busca que haxa unha resposta de solidariedade "cando un pobo esta condenado á morte, á aniquilación total".
"Aos que non matan en bombardeos, mátanos de fame ou de sede. Non hai auga potable, non hai hospitais nin atención médica. Hoxe mesmo atacaron aos talleres de reparación das ambulancias e servizo civil en Gaza", recolleu Ashour.
A data escollida para as concentracións ten unha "cuestión simbólica". A convocatoria está programada para o día posterior ao Día da Terra de Palestina, que conmemora a folga xeral de 1976 en resposta a un plan do Goberno israelí para a expropiación de terras palestinas. Gipinni apuntou que, con case xa 50 anos de distancia, "é unha data recoñecida internacionalmente, pero non ten consecuencias legais para Israel".
A listaxe de localidades que se suman a esta xornada é o seguinte, en orde alfabética: A Coruña, A Guarda, Allariz, Betanzos, Cangas, Carballo, Chantada, Compostela, Corcubión, Ferrol, Foz, Lugo, Manzaneda, Melide, Monforte de Lemos, Noia, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, O Porriño, Ourense, Ponteareas, Pontedeume, Pontevedra, Redondela, Ribadavia, Ribeira, Silleda, Val Miñor, Verín, Viana do Bolo, Vigo, Vilagarcía, Vilalba e Viveiro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.