Por Galicia Confidencial | Compostela | 25/04/2016 | Actualizada ás 16:43
Sorpresa e indignación. Iso é o que sinte a asociación Defensor do Paciente polas declaracións do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, fixo nunha entrevista en La Voz de Galicia na que “minimizaba algo tan grave como é o non dar tratamento de hepatite C" e dicía que os seis mortos falecerían igual a pesar de contar co tratamento.
A presidenta de Defensor do Paciente, Carmen Flores, indica nunha misiva que lle mandou ao conselleiro que a lexislación establece a obrigación de facilitar "medios para paliar, alargar ou curar a vida das persoas", e considera que en caso contrario "isto é omisión de auxilio".
"A medicación existe, está dentro da carteira de servizos e autorizada e negouse a posibilidade", comentou Flores. “Isto na lei tamén se chama perda de oportunidade porque nin vostede nin ninguén saben como ían responder os enfermos á nova medicación”, espetoulle a Vázquez Almuiña. “É vostede un visionario para determinar o resultado dos fármacos?”, preguntoulle.
Afectados por esta enfermidade criticaron, ademais, o tratamento que algúns grandes medios lle están dando a esta crise, con novas que son relegadas ás últimas páxinas da sección de Galicia e “maltratadas”. “Se fora con outro goberno coparían portadas durante días e días”, apuntan fontes consultadas.
Dous cargos da Xunta foron citados a declarar ante as autoridades xudiciais pola presunta comisión dun delito de homicidio por imprudencia grave profesional e prevaricación, ao "dilatar" a toma de decisións para dispensar novos fármacos contra a hepatite C de elevado custo para o erario público.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.