Investigadores galegos estudan o uso do chopo como fonte de biocombustible

Científicos das universidades de Santiago e Vigo colaboran nun proxecto para avaliar a viabilidade desta árbore como cultivo enerxético de curta rotación en Galicia.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 25/04/2016 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

Investigadores galegos avalían o potencial do chopo como fonte de biocombustible para caldeiras e a súa viabilidade como cultivo enerxético de curta rotación en Galicia. Este é un obxectivos centrais dun proxecto de investigación liderado polo catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Roque Rodríguez e no que participa un equipo de investigadores da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo, que se encargan de estudar o rendemento enerxético de oito clons desta especie, pouco implantada en Galicia.

Investigadores da Escola de Enxeñaría Forestal avalían o potencial do chopco como biocombustible
Investigadores da Escola de Enxeñaría Forestal avalían o potencial do chopco como biocombustible | Fonte: DUVI.

Por tratarse dunha especie de crecemento rápido, que medra de novo a partires de raíces ou escallos, o chopo é unha árbore empregada frecuentemente como cultivo enerxético noutras partes de Europa, mais non en Galicia, onde este tipo de cultivos se atopan moi pouco desenvolvidos, segundo explica o catedrático da Escola de Enxeñaría Forestal Luis Ortiz. 

Financiado polo Instituto Nacional de Investigaciones Agrarias (INIA), no marco do Plan Estatal de Investigación Científica y Técnica y de Innovación 2013-2014 do Ministerio de Economía y Competitividad, o proxecto 'Biomasa para la bioeconomía: produciendo, modelizando y valorando cultivos forestales' comezou a desenvolverse o pasado ano 2015 da man do grupo de investigación que coordina Rodríguez na Escola Superior Politécnica do campus de Lugo, e ao que se suman tamén investigadores da Facultade de Física da USC e da EE Forestal.

Concretamente, Ortiz encárgase, xunto con Juan Luis Rodríguez e Antonio Vázquez, da última fase do proxecto. “A nós o que se nos encarga é estudar o comportamento do produto en combustión, é dicir, estudar como se funden as cinsas a diferentes temperaturas”, así como analizar as posibles mesturas que permitan “mellorar as características dos produtos iniciais”, explica en declaracións recollidas por Eduardo Muñiz no DUVI.

Unha das principais características do chopo e que é un tipo de árbore “que medra moi ben de rebote, de cepa e de raíz”, salienta Ortiz, que apunta tamén que se trata dunha especie “menos abundante en Galicia que noutras comunidades”, como pode ser Castela-León, Castela-A Mancha ou Estremadura, e que destaca “por uns crecementos moi importantes e por múltiples aplicacións comerciais na industria da madeira”. Por iso, trátase dunhas árbores “moi usadas como cultivo enerxético de curta rotación noutros países de Europa, como por exemplo Italia”. Non en van, trátase dunha especie que pode ir cortándose “en quendas dun mínimo de tres anos e dun máximo de cinco” e cuxas plantacións “poden chegar a producir de forma habitual en torno ás 20 toneladas de materia seca por hectárea e ano”.

OITO CLONS A ESTUDO

A posibilidade de replantar os chopos a partires de raíces e escallos “fai sinxela a selección xenética dunha serie de brotes, que logo se van illando para conseguir centos de árbores coas mesmas características xenéticas”, apunta Ortiz. De aí que ao longo das últimas décadas se fosen desenvolvendo unha serie de clons especialmente pensados, pola súa capacidade para producir biomasa, para o uso desta especie como cultivo enerxético. De entre estas variedades, seleccionáronse para este proxecto oito clons, “que xa foron avaliados como cultivo enerxético noutras comunidades”, co propósito de coñecer cales resultarían máis válidos en Galicia, “ou mesmo en que porcentaxe se poderían mesturar varios deles para mellorar as súas características”, explica Ortiz.

Neste senso, o proxecto de investigación, que se estenderá ata 2018 e abranguerá tamén a análise enerxética doutras especies, centrouse nunha primeira fase no estudo do crecemento dos oitos clons seleccionados, na que os investigadores da USC puideron “ir medindo os seus diferentes tamaños, pesos e densidades”. Unha vez realizada a caracterización físico-química destes clons, as mostras destas especies chegaron convertidas en cinsas ata a EE Forestal.

“Mandáronnos xa 164 mostras de diferentes parcelas”, sinala Ortiz dun proxecto no que o seu papel pasa por “avaliar a potencialidade destes combustibles para o seu uso en caldeiras”, continuando así o traballo previamente desenvolvido na USC, onde os investigadores se encargan de “comprobar a viabilidade de diferentes cultivos de curta rotación, a súa produtividade, crecemento e os posibles problemas de implantación en diferentes terreos”. Non en van, é preciso tanto ter en conta que especies como o chopo “non soportan ben as xeadas”, así como a eficiencia de cada unha das variedades na caldeira, de tal xeito que “xa dentro do produto final, poidamos coñecer non só cal é o que mellor crece, senón tamén cal é o mellor en combustión”.

As análises que realizan nos laboratorios da EE Forestal das diferentes mostras céntranse en coñecer a composición química das cinsas e a previr “posibles problemas de escoración”, a xeración de pequenas pedras ou escorras de cinsa nas caldeiras, que poderían diminuír a súa eficiencia e mesmo, en determinados casos, chegar a estragalas. Segundo apunta Ortiz, estes procesos son o resultado da “sinterización de diferentes compostos químicos, como poden ser sílice, potasio, fósforo ou calcio”, que poderían estar presentes nunhas árbores que xeralmente se cultivan “en terreos abandonados pola agricultura e que, polo tanto, estiveron sometidos ao uso de fertilizantes”, aínda que, engade este investigador, “nun principio pensamos que estes produtos non deberían ter problemas substanciais”.

De existiren, o seguinte paso sería buscar “algunha mestura” con outro dos clons “para poder rebaixar a problemática que presente”. Así mesmo, o proxecto contempla tamén o desenvolvemento doutra serie de mesturas, nas que o chopo se combine “con restos de mala calidade, que dan problemas en combustión, como pode ser a palla de cereal ou a cáscara de améndoa e de piñón”, de tal xeito que poidan comprobar “en que doses se poderían mesturar estes produtos agrícolas” cos derivados dun cultivo enerxético, informa Eduardo Muñiz.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 eueu

O problema son esas plumaxes que botan, que se xuntan en bólas en son unha peste!