Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 29/09/2024 | Actualizada ás 10:00
Hai un galego na Lúa? Na Lúa como tal, non podo asegurarcho, pero o que si semella ser verdade é que en todos os recunchos da Terra hai un galego. Dende astrónomos ata físicos, matemáticos, filósofos, historiadores... Non hai pau que non tocasen os galegos, un pobo que deixou e segue deixando moitas boas ensinanzas e facilitando o progreso da sociedade. E un deses galegos que cambiou o mundo na súa época foi, sen lugar a dúbidas, José Rodríguez, máis coñecido como Matemático Rodríguez ou o Matemático de Bermés (en honra á parroquia lalinense na que nacera). Foi un dos nosos, aló polo século XIX, o que calculou a unidade de medida que temos a día de hoxe implantada na maior parte do mundo: o metro. E fíxoo dun xeito moi preciso, de tal xeito que, a pesares das correccións posteriores, o seu resultado non se afastaba moito da realidade. Iso si, non o fixo só. Hoxe, dende o Galicia Confidencial falamos co astrofísico e investigador da Universidade da Coruña (UDC) Xabier Pérez Couto, que nos conta a historia deste gran matemático e a súa aportación clave ao mundo.
Como explica Xabier, tal fazaña non a fixo só, pois, "a elaboración dun sistema internacional de unidades é un traballo científico e, como todo traballo científico, implica medir moitas cousas e calcular erros", polo que "é un traballo colaborativo". O que non resta importancia á participación clave de Matemático Rodríguez, xa que "formou parte dunha expedición xeodésica (estudo da xeometría e dimensións do globo terrestre) que tiña como obxectivo calcular a distancia que había entre Dunkerque, ao norte de Francia, e as Illas Baleares, en España". Para cando o contactaron, José Rodríguez xa era un reputado matemático en Galicia. De orixe labrega, tivo a sorte de contar cun tío eclesiástico que lle puido financiar os seus estudos e, despois de cursar Filosofía e Teoloxía, sacou a carreira de Matemáticas e, sen chegar a ser doutor, gañou unha oposición a catedrático de Matemáticas Sublimes na Universidade de Santiago de Compostela (USC), unicamente grazas ao seu talento científico. Tres anos despois, pediu unha excedencia para ir facer unha estadía de investigación a París, naquel tempo a capital científica do mundo, onde comezou a codearse cos maiores científicos da época. Foron precisamente eses contactos os que o levaron a rematar como comisario desta expedición para medir o metro. Pero, cal era realmente a necesidade de facer semellante cálculo? Remontémonos ao comezo da historia.
"ANTES DA REVOLUCIÓN FRANCESA, XA NON É QUE CADA PAÍS TIVESE UNIDADES DE MEDIDA DIFERENTES, SENÓN QUE TAMÉN AS HABÍA DENTRO DO MESMO PAÍS"
Xabier conta que, "tras a Revolución Francesa, os revolucionarios querían implantar un sistema estandarizado de unidades que permitise superar os múltiples sistemas que había", pois "xa non era só que cada país tivese diferentes unidades de medida, senón que, mesmo dentro dun mesmo país, neste caso Francia, podíaste atopar con 600 medidas diferentes". Algo que a día de hoxe nos pode parecer moi lonxano, non o é tanto se pensamos, como nos convida a facer o investigador, que "en Galicia se empregou como unidade de medida durante moito tempo (e aínda hai maiores que o empregan en múltiples zonas do rural), o ferrado", do que "sabemos que é unha unidade de superficie ou volume, pero depende moitísimo do lugar no que te atopas no intre de facer a medición". Tanto é así que, "como é unha unidade de medida que depende da produtividade da terra, porque se mide precisamente contando o cereal, non vai valer o mesmo un ferrado no concello de Dodro que no concello de Ames, e mesmo pode haber variacións de parroquia a parroquia dentro dun mesmo concello". Entendido isto, digamos que en Francia, no século XVIII, había un problema semellante.
Así as cousas, a Academia Francesa de Ciencias decidiu, "tras barallar moitas opcións, que a mellor maneira de implantar unha medida que fose universal e aceptada por todo o mundo era utilizar o propio mundo (o planeta Terra) para o seu cálculo". Desta maneira, "definiron o metro coma unha dezmillonésima parte da distancia entre o Polo Norte e o Ecuador, ao longo dun meridiano (círculos máximos que rodean a Terra pasando polos polos, de Norte a Sur)", apunta Xabier. Esta idea de dividir o meridiano en 10 millóns, como confesa o investigador, "era un pouco arbitraria, pero á súa vez tiña moito sentido, porque a idea era que o resultado fose unha unidade de medida que tivese escala humana, é dicir, que non fose moi longa nin moi pequena", de tal maneira que, "coas estimacións que xa tiñan na época, sabían que, máis ou menos, dividindo o cuadrante do meridiano en 10 millóns de partes lles ía resultar unha cantidade bastante manexable".
"DENDE IBIZA A VALENCIA, SEPARADOS POR 120/150 QUILÓMETROS, DEBÍAN VERSE NO MEDIO DA NOITE, EMPREGANDO QUINQUÉS, PARA CALCULAR A DISTANCIA"
Agora ben, calcular esa distancia tan grande no século XVIII non era unha broma e non tardaron en darse conta de que era inviable. Como alternativa, "como viron que non era factible medir do Polo Norte ao Ecuador, o que fixeron foi medir un anaco máis pequeno da Terra, que era precisamente a distancia entre Dunkerque e as Baleares, o que viña a corresponder á décima parte de todo o que debían medir, de tal maneira que se centraron en medir moi ben e con moita precisión ese anaco para logo poder xa extrapolalo a todo o demais". "Unha regra de tres de toda a vida", chancea Xabier. Esa tarefa foi dividida en dúas partes, estando a primeira a cargo de dous matemáticos franceses: Méchain e Delambre, que calcularon a distancia dende Dunkerque ata o castelo de Montjuic en Barcelona. Empregaron unha técnica coñecida como triangulación xeodésica, que, basicamente, "consiste en ir dividindo a distancia que queres medir en moitos triángulos máis pequenos e, usando teoremas de trigonometría que aínda a día de hoxe se ensinan nos institutos, ir medindo os seus ángulos, tomando liñas base e resolvendo os triángulos un a un para obter a medida final".
Unha vez calculada esa distancia entre Dunkerque e Barcelona, como os resultados amosaban certo erro, decidiron que había que continuar coa expedición e, neste caso, medir a distancia de Barcelona ás Illas Baleares. Como explica o investigador, "ao ser todo iso terreo español e por estar nunha época moi convulsa a nivel político, fíxose imperativo contar na expedición cun comisario español". Ese foi Matemático Rodríguez que, segundo Xabier, foi elixido, entre outras cousas, porque "estaba facendo unha estadía de investigación en Francia". Así foi como, xunto a outros dous franceses, Arago e Biot, prolongaron todo ese meridiano ata as Baleares. A cousa, dende logo, non resultou sinxela, e enfrontáronse a un problema bastante desafiante: medir o triángulo máis grande que se medira ata ese momento na Historia, e que tiña como vértices Cullera, o Desert de Les Palmes (ambos puntos na costa valenciana) e Ibiza, que era o vértice máis complicado de medir e do que se encargou este galego. Mentres Méchain e Delambre puideron medir a distancia de Dunkerke a Barcelona por terra, agora tiñan que facelo por mar, e, dende o vértice no que estaba Rodríguez aos outros dous, había unha distancia da orde dos 120 e 150 quilómetros.
"AS MEDICIÓNS FINAIS DO METRO NON ÍAN TAN DESENCAMIÑADAS, POIS NON SE AFASTAN MOITO DA MEDIDA QUE TEMOS AGORA"
Ademais de ser esta unha distancia extremadamente complicada de medir polo grande que era, tamén o era polo xeito que había para medila naquel momento, no que os mecanismos non eran os máis avanzados. Así, "subían a vértices xeodésicos, é dicir, cada un a un cumio dende o que poder divisar aos demais, durante a noite, cunha especie de lámpadas xigantes chamadas quinqués alimentadas por aceite de balea, e agardando que as condicións atmosféricas, o vento, a humidade e outros moitos parámetros, lles permitisen ver esa especie de 'faros portátiles' dos demais a 120 quilómetros de distancia". Tras moitos anos medindo, finalmente, puideron prolongar ese meridiano que tanto perseguiran e obter unha medida estándar do metro que "foi a primeira medida oficial que temos do metro", afirma Xabier, que explica que ben é certo que, "posteriormente, o metro foi evolucionando e estadarizándose doutras maneiras, pero o seu primeiro valor foi o medido por Matemático Rodríguez e os franceses".
Chegados a este punto, cómpre salientar que "as súas medicións non ían tan desencamiñadas, pois tal e como eles mediron o metro, o perímetro da Terra é duns 40.000 quilómetros, mentres que coa medida que temos agora, o perímetro da Terra é duns 40.007 quilómetros, é dicir, unha diferenza ínfima, de moitos decimais se nos imos ao metro, que non se afasta moito da medida que temos agora". E hai que poñer en valor, como resalta o investigador, que, "para a época na que estaban, obter esas medidas era unha fazaña completamente impresionante". Iso si, a Matemático Rodríguez esta expedición debeu saberlle a pouco, pois despois do metro decidiu marchar a Inglaterra para facer unha estadía na que seguir formándose. Alí, publicou unha investigación moi importante na revista científica máis reputada da época, 'Philosophical Transactions', na que demostraba que Newton tiña razón á hora de dicir que a Terra estaba achatada polos polos e que non era redonda. Como explica Xabier, "isto era algo que se sabía con anterioridade, teoricamente, pero uns anos antes un matemático e militar de prestixio sacara unha publicación na que dicía que, segundo as súas medidas, a Terra non estaba achatada polos polos, senón polo Ecuador", polo que "Matemático Rodríguez conseguiu desmontar esta hipótese e corroborar a de Newton, proporcionando o valor do achatamento da Terra máis preciso ata aquela data".
"AS MATEMÁTICAS ESTÁN EN TODAS AS COUSAS E PERMÍTENNOS COMPRENDER MELLOR O MUNDO QUE NOS RODEA"
Esta historia lévanos a reflexionar sobre o importante papel das matemáticas na nosa vida, aínda que moitas veces pasen desapercibidas e mesmo sexan rexeitadas socialmente. Para o astrofísico da UDC, "as matemáticas están en todas as cousas e permítennos razoar e demostrar os enunciados que son verdadeiros e os que son falsos, algo que resulta fundamental non só dentro da ciencia, senón tamén da sociedade en xeral". E, xa no plano científico, "as matemáticas permítennos comprender mellor o mundo que nos rodea, porque nos permiten modelizalo en ecuacións que, aínda que poidan semellar complicadas, realmente son simplificacións da propia natureza para entendela moito mellor, predicir fenómenos naturais, ver o que vai pasar no futuro...". Con todo, concede que "as matemáticas son unha materia que si que a moitos nenos lles dá medo", algo que achaca, "posiblemente, á forma na que se explican". Tamén considera que "pídenche elixir a profesión á que te vas adicar dunha maneira algo precoz, de tal xeito que é difícil que os rapaces elixan as matemáticas", aínda que el sempre tivo claro que "as matemáticas permítenche entender case calquera cousa dentro do plano científico". Deste xeito, Xabier considera que "as matemáticas son algo que debería estar presente no arsenal de coñecemento de todas as persoas".
Ver esta publicación en Instagram
Una publicación compartida de Galicia Confidencial (@galicia_confidencial)
Busto de Matemático Rodríguez | Fonte: Turismo de Lalín¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- O estudo galego sobre a influencia xenómica da música 'Sensoxenoma' premiado polo Instituto de Saúde Carlos III
- Máis de dez anos sen lexislación sobre o radón
- Un físico galego desenvolve unha fórmula que analiza o comportamento dos gatos diante das persoas
- Describen un novo mecanismo esencial na aparición da diabetes tipo 1
- Así se escoita o mar para evitar desastres como inundacións ou deslizamentos de terra mariños
- A USC pon en marcha o primeiro Instituto de Investigación en Humanidades (iHUS) no sistema universitario galego