A Universidade de Vigo súmase ao coñecemento libre

A institución viguesa reúne a súa produción científica no repositorio institucional de acceso aberto 'Investigo', que dará acubillo a teses, artigos de revistas, libros, comunicacións ou relatorios.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 27/04/2016 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

A Universidade de Vigo únese á corrente que aposta por dar acceso libre á produción científica e que se opón as restricións do modelo do vello capitalismo industrial, que impón barreiras mediante licenzas privativas que impiden o acceso e a distribución libre do coñecemento. Unha corrente que bebe da ética hacker, que defende que para que haxa unha verdadeira sociedade da información e do coñecemento todos os individuos deben ter a posibilidade de acceder, de compartir e de usar libremente os recursos. Desde este martes, a institución viguesa adhírese a esta ética hacker e pon a disposición de todos os cidadáns o seu novo repositorio Investigo, de acceso aberto.

Asunción Longo, Gerardo Marraud e José Manuel García
Asunción Longo, Gerardo Marraud e José Manuel García | Fonte: DUVI.

Gerardo Marraud, director da Biblioteca Universitaria —entidade encargada de coordinar a posta en marcha desta nova ferramenta—, sostén que “non resulta xustificable que sexa necesario pagar ata tres veces por investigar: unha por financiar a investigación; outra por pagar aos editores científicos por publicar investigación e outra máis a eses mesmos editores por ler a investigación publicada”. Por iso, este tipo de repositorios baséanse no acceso “aberto, inmediato, libre de restriccións de copyright, permanente e en liña”, explica en declaracións recollidas por M. Del Río.

Segundo o responsable do proxecto, moitos poderes públicos, institucións financiadoras e mesmo a UE están a promover o acceso aberto a través de mandatos, e en España existen dúas disposicións legais deste carácter. Por unha banda a Lei da Ciencia, que determina a obriga de difundir en aberto unha versión dixital dos artigos resultado de investigacións financiadas con fondos dos orzamentos xerais do Estado; por outra, o Real Decreto que regula o doutoramento, que aplica esta obriga ás teses lidas nas universidades públicas. A vicerreitora de Investigación, Asunción Longo, lembra neste sentido que Vigo aprobou hai dous anos “unha declaración de intencións a favor do acceso aberto á documentación e resultados de investigación que se xeran na institución e este respositorio é unha ferramenta fundamental para pór en práctica este compromiso”. 

RECURSOS ACCESIBLES

O repositorio vai conter “non só os artigos de revistas do persoal investigador e as teses lidas na Universidade de Vigo, senón tamén todos aqueles traballos que son valorados como méritos de investigación: capítulos de libros, libros e relatorios e comunicacións a congresos científicos”, pero “sempre respectando os dereitos de propiedade intelectual”, explica Marraud.

Inicialmente, Investigo arranca poñendo a disposición da comunidade universitaria as teses de doutoramento dos anos 2011 a 2014 “e nas vindeiras semanas imos depositar as teses de 2015”, engade o responsable do proxecto.

Xa a partir de maio, a Sección de Posgrao comezará a xestionar as teses de 2016 directamente a través do repositorio. Para o resto de contidos, serán os propios investigadores os que se encarguen de poñer en aberto a súa produción científica, seguindo o principio do autoarquivo.

MÁIS VISIBILIDADE

A aposta da Universidade de Vigo por esta nova ferramenta trata de difundir e dar maior visibilidade a escala mundial á súa produción científica, preservar a memoria científica da institución, axilizar o rexistro e avaliación da produción de investigación, axilizar o proceso de presentación das teses de doutoramento e mellorar internacionalmente a súa imaxe.

De feito, como destaca Marraud, “ofrecer en aberto versións dixitais dos traballos de investigación en repositorios permite, segundo diversos estudos, incrementar nun 20-25% o volume de citas recibidas por un traballo de investigación”. Así, grazas á interoperabilidade dos repositorios de acceso aberto, os contidos non só teñen presenza en Internet, senón que, sobre todo, resultan máis “atopables”, incrementando as súas probabilidades de ser lidos. 

Con todo, dende a institución tamén recoñecen o traballo que xa veñen facendo moitos investigadores a prol do acceso aberto, por exemplo, depositando os seus traballos en repositorios temáticos alleos; pagando aos editores científicos por publicar artigos en modalidade de acceso aberto; enviando os seus traballos a revistas de acceso aberto e ata publicando libros nesta modalidade. Segundo concluíron, “co repositorio Investigo este esforzo non só recibe un impulso, senón que adquire unha dimensión institucional ineludible”.

AUTOARQUIVO

Unha das características diferenciadoras de Investigo fronte a repositorios doutras institucións é a conexión directa co sistema de xestión da investigación da universidade, de xeito que o repositorio se converterá nunha ferramenta útil para introducir os méritos de “produción científica” no coñecido como ‘SUXI’. Isto será posible grazas aos sistema SAI3, desenvolvido pola Biblioteca Universitaria en paralelo co repositorio. Segundo Marraud, “vai facilitar moitísimo ao persoal investigador a tarefa de ‘subir’ ao SUXI a súa produción científica ano tras ano, á vez que vai permitir ‘poboar’ con contidos o repositorio dunha maneira eficiente”. Como explican os seus impulsores, co SAI3 un investigador pode depositar no repositorio un traballo de investigación en menos dun minuto coa avantaxe engadida de que os datos dese depósito pasan tamén ao SUXI. 

Con todo, e pesar de ser un sistema de autoarquivo “moi sinxelo e intuitivo”, para solventar dúbidas a axudar á comunidade universitaria a familiarizarse, nas vindeiras semanas terán lugar breves sesións de formación/información, informa o DUVI.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta