Por Galicia Confidencial | Madrid | 28/04/2016 | Actualizada ás 12:10
O pais está a fronte dos datos negativos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) publicada esta mañá e correspondente ao primeiro trimestre de 2016. Dos 11.900 parados máis que hai no Estado, 5.100 son galegos, o 42,8%.
Isto supón que en Galicia o desemprego está a subir en Galicia a un ritmo 9,2 veces o do Estado. En España neste trimestre o paro subiu a penas un 0,25%, mentres que na autonomía fíxoo nun 2,31%.
O máis preocupante desta EPA é que se rompe a tendencia dos dous anos anteriores. Normalmente o primeiro trimestre é malo para o emprego, pero nos dous últimos anos logrouse crear postos de traballo. Non sucedeu así en 2016. Hai 227.900 persoas no desemprego no país.
Con todo, a situación en Galicia mantense un pouco mellor que na media estatal. A tasa de paro é do 18,2% e en España hai unha media do 21%.
Sorprendentemente, por sectores, segue a recuperarse o emprego no sector primario. Neste trimestre repuntou en 1.100 peroas. A construción e a industria desínflanse, perdende 1.900 e 1.400 respectivamente.
O problema do paro segue a ser especialmente grave entre os mozos. No colectivo de entre 16 e 29 a penas un 35% ten traballo. Un 16% está apuntando no INEM e o restante 48% a Administración clasifícaos como “inactivos”. Dos que teñen un emprego, case o 60% dos mozos está cun contrato temporal.
A nivel de cidades, a situación está mellor en Santiago e Lugo, cun 53 e un 51 de taxa de ocupación. En Ferrol, menos de 1 de cada 3 habitantes ten un emprego remunerado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.