Temas: SERGAS SAúDE

Case todos os días suicídase un galego e Galicia carece de plan de prevención

Hai tres anos que a Organización Mundial da Saúde urxiu a tomar medidas para controlar a suba de suicidios ante a dureza da crise económica. A Xunta non fixo nada, segundo denuncia un colectivo de organizacións sanitarias. O suicidio xa é principal causa de morte externa no país e Lugo líder estatal.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/05/2016 | Actualizada ás 18:38

Comparte esta noticia

Case todos os dias do ano morre por suicidio unha persoa en Galicia. O número exacto de mortes non se publica oficialmente, seguindo as recomendacións dos expertos para deter o “efecto chamada”. Nin se quera se pode consultar no Instituto Nacional de Estadística, que deixou de publicar as cifras en 2007.

Rolda de prensa do Movemento Galego pola Saúde Mental
Rolda de prensa do Movemento Galego pola Saúde Mental

Con todo, é un segredo a voces que a cantidade de persoas falecidas por esta causa aumentou dende o comezo da crise, tanto en España como en Galicia, chegando a ser a principal causa de morte “externa” no noso país, segundo o Instituto Nacional de Estatística. Lugo é o lugar do Estado onde máis suicidos se producen. O ano pasado foron máis de 340 persoas, case tantas como días ten o ano. A provincia de Lugo, con 17 suicidios por cada 100.000 persoas é líder na luctuosa clasificación. 

O Movemento Galego pola Saúde Mental explicou hoxe en rolda de prensa que a maioría das veces a morte por suicidio é resultado da combinación de razóns nada misteriosas: sufrimento psíquico intenso que con frecuencia afecta á saúde mental da persoa, carencias (afectivas, económicas, de expectativa de algo mellor por diante, soedade, dor, enfermidade grave, incapacidade para manexar dificultades relacionais e emocionais,…), empobrecemento, paro, débedas, perda da vivenda,…

Así as cousas, o MGSM explica que “a morte por suicidio é un dos mais graves problemas de saúde pública”. Está facendo dabondo a Administración para atallalo? Para cumprir coas directivas da Organización  Mundial da Saúde “hai tres anos que tiñamos que ter en marcha o Plan de Prevención do Suicidio pero o goberno da Xunta de Galicia non fixo nada ó respecto”.

Este colectivo, que agrupa a ducias de organizacións sanitaria, lembra que “urxe o Plan Galego de Prevención do Suicidio” dado que a prevención é fundametal. 

Rolda de prensa do Movemento Galego pola Saúde Mental
Rolda de prensa do Movemento Galego pola Saúde Mental

A Organización Mundial da Saúde (OMS) advertiu en 2011 ós gobernos dos países europeos que a crise conlevaba un aumento do risco de suicidios se non se adoptaban políticas activas de emprego para reducir o paro, de reforzamento da protección social e sanitaria, de alivio da carga da débeda sobre as persoas que a sufren, e de apoio ás familias. 

Ademais, en 2013 a OMS fixo un chamamento mundial a todos os gobernos para que desenvolveran estratexias de prevención de tal xeito que en cada país se reducira a cantidade de mortes por suicidio nun 10% para o ano 2020, e urxiu a actuar xa. En opinión do MGSM “no noso país fíxose a política oposta e, desgraciadamente, esa predición cumpriuse: os suicidios aumentaron relacionados coa crise e coas políticas desenvolvidas ante a mesma”.

O MGSM é un movemento cívico que pretende a protección da saúde mental da comunidade e a defensa da súa atención pública. Está formado por máis de catrocentos profesionais da saúde mental pública de Galicia, profesionais da Administración de Xustiza, cidadáns que comparten a súa Declaración, organizacións sindicais (CIG Saúde, Federación de Sanidade de CCOO) , Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, organizacións de  familiares e usuarios dos servizos de saúde mental (Fonte da Virxe, A Creba, ASDAN, Xaruma, ONG-Solidarios Anónimos, Dédalo,  

Albores), Xuíces Pola Democracia, Unión Progresista de Fiscais, Asociación Galega de Médicos Forenses, Asociación de profesionais  de drogodependencias, Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, Asociación Galega de Medicina Familiar e  Comunitaria, Asociación Nacional de Enfermería en Saúde Mental, Mesa Galega da Psicoloxía Clínica, Asociación Galega de  Psicólogos Internos Residentes, Asociación de Psicólogos Clínicos do Sergas, Equipo Boa Vida, Asociación Galega de Saúde Mental – Asociación Española de Neuropsiquiatría.

Temas: SERGAS SAúDE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

Un suicidio ao día, mentras seguimos sen ter dereito a morrer dignamente ? Non sería un bo momento para abrir este melón? Non temos dereito a decidir cando queremos deixar de VIVIR (especialmente cando a ninguén lle importa un pito a vida do veciño) ? Algúns acaban abrindo o gas e facendo explotar o piso del e dos veciños... ? Non sería cousa de pensar na securidade de todos? (VIVOS e MORTOS)

1 Ansar

En Galicia non hai crise polo tanto non fai falla plan. Sería interesantísimo poder ver a evolución dende por exemplo o ano 2000 e sacar conclusións.