Por Xurxo Salgado | Compostela | 23/04/2025 | Actualizada ás 13:19
Rueda, o PPdeG e a Xunta teñen un inimigo común, "os do non". Un "os do non" xenérico no que, ata agora, estaba o BNG, pero que agora tamén parecen estender ao PSdeG. E así o quixo deixar claro o presidente galego no primeiro debate de investidura desta lexislatura, a súa primeira lexislatura con maioría lexislatura.
Máis de dez veces empregou Rueda o término dos "do non". "Os do non" a Altri, "os do non" á minaría, "os do no non" á lingua, "os do non" á sanidade, "os do non" á educación... O líder dos populares describiu unha Galicia puxante fronte a outra Galicia, "a do non" que "vai á ruína".
Por iso insistiu na mensaxe coa que chegou ao Goberno galego, a do "sentidiño". Outra palabra que repetiu ata en cinco ocasións porque, lembrou, "para iso nos votaron", para "gobernar con sentidiño". E nesta Galicia "do sentidiño" Rueda centrouse en defender a súa política económica e industrial, a do autogoberno e "autonomismo útil" e a súa sanidade, servizos sociais e sanidade, aínda que boa parte desa política está sendo contestada na rúa nos últimos meses. Pero para Rueda, as protestas son "dos do non", dos que ven todo en branco e negro e non pensan no futuro e no benestar dos galegos e galegas.
ANUNCIOS
No seu discurso, de hora e 45 minutos de duración, e no que, por primeira vez apostou por unha táblet e non polos tradicionais papeis, Rueda fixo varios anuncio. O máis chamativo, un bono para estimular o consumo de peixe fresco, dotado con 50 euros por persoa ao longo de 10 semanas e ao que destinará un total de 2,5 millóns de euros. O obxectivo é "animar á xente a volver consumir peixe" e que volvan ter " ese hábito". Un anuncio que xerou risos na oposición. "Vexo que se rin. Xa sei que é un xesto sinxelo, pero eficaz", xa que espera que chegue a uns 50.000 consumidores. "Se lles provoca risas, alá vostedes", insistiu.
Tamén anunciou un novo programa de axudas para rehabilitar, renovar e asegurar inmobles baleiros que vaian saír ao mercado do aluguer, un proxecto piloto nos colexios para administrar nos colexios a vacina intranasal da gripe e ampliar dos 5 aos 11 anos ou a construción de 24 residencias con 1.800 prazas de atención aos maiores en concellos de menos de 50.000 habitantes durante esta lexislatura. Tamén avanzou que o Goberno galego destinará 180 millóns para "reorientar" o sector aeroespacial en Galicia a seguridade e defensa ante a previsión de que a demanda se incremente.
E para facer fronte aos aranceis de Trump, Rueda dixo que xa conta cun equipo específico que analiza "o posible impacto desta guerra comercial" e detallou que o fará desde o Instituto Galego de Estatística, que desde hai unhas semanas está adscrito á Oficina Económica de Presidencia.
ALTRI E MINARÍA
Durante o seu discurso, Rueda insistiu en dous dos obxectivos industriais da súa lexislatura; que a megacelulosa de Altri se instale en Palas de Rei e apostar pola minaría de mineraris raros. E, ante a noticia de que o Goberno central non vai destinar os 250 millóns que pide a multinacional portuguesa, anunciou que loitará para que sexa a Xunta a que xestione os fondos europeos.
Todo iso nun discurso no que deu o "parabén" ao BNG e ao PSdeG por "demostrar ser eficaces" para "que non veña diñeiro a Galicia". Neste sentido, censurou que a oposición en Galicia "se opoña a todo" e considerou que o alcume de "os do non a todo" --que atribuíu ao BNG-- "empece a estar un pouco disputado polo PSOE". "Isto non é crítica, é crónica", afirmou.
"Eu non estou aquí para vivir comodamente, sentado nun escano durante décadas, premento o boton do non a todo. Eu iso non o vou facer", insistiu ao tempo que apostou por potenciar a minaría. E, aproveitando que é un obxectivo prioritario para a UE, tamén destacou que un dos obxectivos de Galicia é "pola minería sustentable, respetuoso co medio ambiente, pero que contribúa ao desenvolvemento da nosa terra".
PUNTOS ESQUECIDOS
O que quedou claro no Debate do Estado do País é que para o presidente galego, o medio ambiente, a lingua e a cultura non son puntos destacados do seu Goberno. Só lle adicou cinco parágrafos en 18 páxinas. Do medio ambiente salientou que Galicia é lider en redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e os montes galegos "son un dos pulmóns verdes de España". Con todo, apostou tamén por aproveitar a "riqueza forestal" para evitar que arda e dixo que, en breve, se tomará moratorio do eucalipto.
Sobre a lingua, dixo que hai que desfacerse das "enferruxadas limitacións partidistas da lingua que poden impedir un gran pacto pola lingua". Por iso, insistiu, "aos do non", en que a Xunta segue coa "man tendida" para acadar ese acordo. "Os retos da nosa lingua son moitos: seducir aos novos galegos, penetrar máis en ámbitos da sociedade que áinda se lle resiten e reforzar as potnes co mundo da lusofonía", apuntou, iso si, "sempre e cando non se utilice a lingua como arma política".
E, en Cultura, destacou o pulo das industrias culturais "puxantes" en Galicia e animou, neste día de san Xurxo, a regalar un libro. No tinteiro quedou o patrimonio cultural, as industriais audiovisuais, o teatro ou mesmo, a xuventude.
A "GALICIA EN GRANDE"
E fronte "aos do non", Rueda apostou por unha "Galicia en Grande" que afronte o futuro "cunha mestura moi galega, o realismo e o optimismo propios dos pobos que prosperan". E iso, suliñou, hai que facelo "en clave de si" e sen deixarse "arrastrar" "polos que sempre se opoñen a todo, polos do non a diario".
"Iso non é pensar Galicia en grande. Pensar Galicia en grande é confiar na nosa terra e na nosa xente. Nin máis nin menos. Confiar no que somos e no que podemos ser", dixo e rematou cunha chamada ao consenso a esa Galicia da "do non", "demostrémosllos xuntos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.