Por Galicia Confidencial | Verín | 29/04/2025 | Actualizada ás 09:00
A Festa dos Maios de Verín celebrarase o 1 de maio desde as 11:00 horas, e até as 20:00 horas, estando prevista a a exhibición dos maios tradicionais e artísticos confeccionados por: CEIP Amaro Refojo, CEIP Princesa de España; CRA Monterrei; Colexio Plurilingüe María Inmaculada; IES Xesús Taboada Chivite; Asociación Cultural de Música Tradicional Monterrei; Asociación de Mulleres Rurais Flor da Xesta, Asociación Verinesa de Amigos da Música, ANPA do Conservatorio de Música de Verín; e Colexio Apostólico Mercedarios.
Desde as 11:00 horas da mañá estarán á venda as coplas do Certame Enrique Gómez Pato, editadas polo Concello de Verín. O exemplar venderase a 1 euro. O diñeiro recadado coa venda de 500 exemplares destinaranse a Federación Provincial de Mulleres Rurais (Femuro).
Está previsto que colaboren na edición das mesmas dez centros de ensino ou asociacións: CEIP Amaro Refojo, CEIP Princesa de España, CRA Monterrei, Colexio Apostólico Mercedarios, Colexio Plurilingüe María Inmaculada, IES Xesús Taboada Chivite, Asociación Cultural de Música Tradicional Monterrei , Asociación de Mulleres Rurais Flor da Xesta, Asociación Verinense de Amigos da Música e AMPA do Conservatorio de Música de Verín.
A programación matinal completarase co concerto da Banda de Música de Verín, previsto para as 12:00 horas tamén na praza da Alameda.
FEIRA SOLIDARIA
O mesmo día, 1 de maio, a partir das 10:30 horas, a praza García Barbón acollerá unha nova edición da Feira Solidaria, organizada polo Concello de Verín. O obxectivo principal desta iniciativa é poñer en valor o labor das asociacións sen ánimo de lucro, así como ofrecerlles unha canle de visibilización e recadación de fondos para os seus proxectos.
Entre os obxectivos da Feira Solidaria atópanse, recadar fondos para os colectivos máis desfavorecidos da comarca de Monterrei, proporcionar información sobre as distintas asociacións que participan no evento e dos servizos que ofrecen, conseguir apoio económico para poder seguir levando a cabo os seus proxectos e actividades e a creación dun marco de cooperación común entre os seus organizadores e colaboradores.
Por outra banda, a Asociación de Empresarios e Empresarias de Verín (AEVER) instalará na Praza García Barbón xogos Inchables con fins solidarios, cuxa recaudación irá destinada tamén a Femuro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.