Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/05/2025 | Actualizada ás 19:32
A Xunta de Galicia vén de adxudicar as obras para mellorar o control e seguimento dos residuos xestionados por Sogama, cun investimento de 1.038.911 euros e un prazo de execución de dous meses e sete días. A actuación enmárcase no proceso de transformación dixital da Sociedade Galega de Medio Ambiente, concretamente a través da implantación da plataforma 'Traza'.
Segundo indicou o Goberno galego, o proxecto abranguerá todas as plantas de transferencia e catro instalacións públicas de compostaxe situadas en Cervo (Lugo), Cerceda (A Coruña), Verín (Ourense) e Vilanova de Arousa (Pontevedra). Tamén se intervirá no Complexo Ambiental de Cerceda e nas dúas terminais ferroviarias de Adif localizadas en Lugo e Taboadela (Ourense).
O obxectivo principal é desenvolver unha trazabilidade completa dos residuos, permitindo unha xestión automatizada e segura dos datos asociados ao proceso. Isto facilitará un maior control das operacións e ofrecerá aos concellos adheridos un servizo adicional, mellorando a tramitación e o seguimento da documentación vinculada ao tratamento de refugallos.
Ademais, no marco do seu plan de dixitalización R-Dixital, Sogama traballa tamén na posta en marcha do 'Portal do Cliente', unha ferramenta deseñada para reforzar a comunicación cos municipios e favorecer unha relación máis áxil e eficiente entre a empresa pública e as entidades locais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.