Pegada galega en Cannes

Oliver Laxe e Alberto Vázquez presentan os seus novos traballos no prestixioso festival francés, no que tamén participan as empresas galegas Frida Films, Ladybug Films, Numax Distribución e Zeitun Films.

Por GC Tendencias | Cannes | 12/05/2016 | Actualizada ás 15:03

Comparte esta noticia

As empresas galegas Frida Films, Ladybug Films, Numax Distribución e Zeitun Films participan desde este mércores no ‘Marché du Film’ do Festival de Cannes, en Francia. Ademais, na edición deste ano o noso audiovisual galego ten un protagonismo especial coas estreas dos últimos filmes de dous directores galegos: a longametraxe ‘Mimosas’, de Oliver Laxe, dentro da Semana da Crítica; e a curta de animación ‘Decorado’, de Alberto Vázquez, na Quincena de Realizadores.

'Mimosas', un filme de  de Oliver Laxe.
'Mimosas', un filme de de Oliver Laxe.

No Festival de Cannes estará presente tamén a marca Galicia Calidade na organización dunha recepción que terá lugar o luns 16 no 3.14 Hôtel, coincidindo coa estrea de ‘Mimosas’. Producida por Zeitun Films e subvencionada pola Agadic. Esta película supón o regreso a Cannes de Oliver Laxe seis anos despois de que obtivera o premio Fipresci da Quincena de Realizadores por ‘Todos vós sodes capitáns’, a súa ópera prima. Desta volta, presenta a súa segunda longametraxe na Semana da Crítica, sección que ofrecerá un total de nove pases da película.

A curtametraxe ‘Decorado’, dirixida polo coruñés Alberto Vázquez, estrearase o venres 20 no marco da Quincena de Realizadores, que acollerá tamén un segundo pase o sábado 21. A curta, producida por UniKo & Autour de Minuit coa participación de Alt Content e Abano Producións, acaba de ser seleccionada así mesmo para competir no importante festival de cine de animación de Annecy, tamén en Francia.

PROMOCIÓN DO CINE GALEGO

Pola súa banda, as catro empresas integrantes da delegación galega ao ‘Marché du Film’ centrarán o seu traballo na cidade francesa no impulso ás vendas e na promoción exterior dos seus filmes, así como na procura de socios coprodutores e de todo tipo de oportunidades financeiras e de negocio para os seus produtos audiovisuais.

‘Decorado’,  curta de animación de Alberto Vázquez.
‘Decorado’, curta de animación de Alberto Vázquez.

O ‘Marché du Film’ de Cannes supón unha oportunidade única para a compra, venda, financiamento, distribución e coprodución de contidos. Anualmente congrega 20.000 profesionais, entre produtores, distribuidores de cine, axentes de vendas e programadores de festivais. Desde España desprázanse a esta cita, que se prolongará ata o vindeiro 20 de maio, arredor de 230 profesionais de 120 compañías.

A presenza galega neste importante festival conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través do programa de internacionalización e promoción do audiovisual galego que a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) vén desenvolvendo xunto ao Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) en diferentes feiras internacionais de todo o mundo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta