Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/05/2025 | Actualizada ás 15:16
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, insiste en que a quita de débeda que propón o Goberno central "non é boa" para Galicia "nin na forma nin no fondo". No pleno do Parlamento, Noa Presas (BNG) cuestionou "cando vai deixar a Xunta de facer o ridículo" co rexeitamento á quita de máis de 4.000 millóns de euros de débeda, posto que "saben que van ter que aceptar a quita da débeda tarde ou cedo". Esixe que defendan os intereses dos galegos "en lugar das siglas do PP no Estado", xa que reduce ao Goberno galego a unha "sucursal de Xénova".
Así, Presas recriminou a Corgos a "performance cutre" que liderou cos conselleiros populares de Facenda no plantón do último Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF), así como que a Xunta só se reunise por videoconferencia o pasado 21 de abril co Ministerio de Facenda durante só tres minutos --quedaron "herniados", afeou-- no canto de apostar por unha negociación coas súas reivindicacións. E é que a deputada nacionalista pregúntase "que conxunción cósmica impide" aceptar a quita á vez que se negocia un novo sistema de financiamento. "Córtensen un pouco", espetou aos populares, "porque este sistema leva caducado desde 2014", e lembra que o PP gobernou catro anos despois, ata 2018, sen cambiar nada.
En resposta, Corgos tachou de "inaceptable" a proposta do Goberno ao propor a "asunción parcial" de débeda do resto de comunidades pactado "previamente con ERC". A Xunta xa expresou nas últimas semanas que asumir esa proposta suporía case 600 millóns máis de débeda para Galicia. O conselleiro xustifica que non suporía máis recursos para servizos públicos, polo que o reduce a unha "peaxe" do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, ante os seus "socios independentistas para manterse no poder". Censura que "non é equitativa", pois condona 1.000 euros máis por habitante en Cataluña que en Galicia, segundo os seus cálculos.
Por todo iso, Corgos acusa ao BNG de só "tentar facer ruído" porque a quita "non achega un só euro aos galegos". Paralelamente, o responsable de Facenda lembrou que o atraso de actualizacións das entregas a conta supuxo un gasto de 10 millóns de euros en intereses para a Xunta o ano pasado. "Pasarei a factura á ministra", afirmou. No que vai de ano o Goberno galego abona 1,5 millóns mensuais en intereses mentres non se actualizan as entregas a conta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.