Por Ángela Precedo | A CORUÑA | 10/05/2025 | Actualizada ás 20:30
Unha canción sobre as palabras tan características que ten o noso querido idioma galego está a revolucionar as redes sociais. Trátase de 'Jerga gallega', un tema que saiu fai cousa dunha semana e xa o está petando. Forma parte álbum 'No soy nadie, pero soy yo', do rapeiro coruñés Habló Pablo; está producida por Juan de Dios, produtor herculino que estivo nominado catro veces aos Grammy; e conta coa colaboración do grupo de cantareiras As Lembranzas. Como conta Pablo ao Galicia Confidencial, en realidade "este é un tema que levaba un montón de tempo pensando en facer, dándolle voltas na miña cabeza". Así, foi durante unha viaxe a Tailandia coa súa muller cando comezou a facer un listado de palabras e, de volta a Galicia, "mentres estabamos gravando outros temas do disco, eu ía facendo a rima desas palabras". Tal foi a súa obsesión coa canción que, como confesa, "había veces que Juan me falaba doutros temas do disco e eu non lle prestaba atención porque quería rematar esta composición".
Grazas a ese empeño, asegura que "fíxena rapídisimo" en comparación co que a xente poida chegar a pensar. E, de feito, afirma que "mesmo podería ser un tema máis longo, porque me quedaron tantas palabras fóra que me darían para facer unha segunda parte". Unha vez coa letra na man, había que meterlle un toque aínda máis especial, polo que o seu produtor, Juan de Dios, "pensou que quedaría xenial mesturar o rap con algo tradicional galego, porque agora hai moitas cousas que se están facendo mesturando electrónica e música urbana con ritmos tradicionais, pero de rap puro como tal non había nada". E dito e feito, puxéronse en contacto co grupo As Lembrazas, cantareiras de Meis, e, como o propio Pablo di, "xurdiu a maxia". "O rap é algo que a xente asocia máis coa modernidade, polo que está moi chulo poder meterlle tamén o toque da nosa tradición", asegura.
"O TEMA ESTÁ INSPIRADO NA CANCIÓN '(EBONICS) CRIMINAL SLANG', DO RAPEIRO NORTEAMERICANO BIG L., NA QUE ENSINABA AS EXPRESIÓNS DE RÚA Á XENTE"
O tema está pegando tanto que, de feito, o rapeiro asegura que "na presentación do disco na Coruña o pasado venres a xente xa estaba tola con el" --o próximo 17 de maio volve presentar o tema en directo en Meis xunto a As Lembranzas, celebrando o Día das Letras Galegas--. Tolemia que foi a máis cando se comezaron a publicar os vídeos con fragmentos da mesma en redes sociais. "Viralizáronse ao momento", amósase moi ledo Pablo, que nos conta que, en realidade, eses vídeos foron gravados no medio dun ensaio que realizaron no convento de San Martiño Pinario. Ademais, confesa que "todo foi idea da miña muller, porque o seu irmán traballa alí e ela estaba segura de que tiñamos que aproveitar para subir algo a redes". E non se equivocou, pois a pesar de que Pablo "non estaba moi polo labor, porque estaba máis pendente de que saíse ben o ensaio que doutra cousa", hoxe está orgulloso de poder dicir que "a miña muller tiña toda a razón, como adoita pasar".
E de onde vén o título do tema, 'Jerga gallega'? Pois o certo é que non está posto ao chou, nin moito menos, senón que a idea parte doutra canción dun rapeiro norteamericano chamado Big L., morto nos anos 90 en Nova York, que se titulaba '(Ebonics) Criminal Slang', na que "facía unha explicación das expresións propias da rúa á xente que non era desa clase social, para que entendesen o que significaba cada cousa". Inspirándose nela, Pablo optou por facer o mesmo pero con expresións tradicionais galegas, propias da linguaxe coloquial. "De aí que lle puxese o de 'jerga' no título", explica. Ademais, tamén asegura que "é unha maneira de que a xente que non é galega, a xente do resto de España, poida entender tamén as nosas expresións". Pero a cousa non queda aí, pois para o retrouso estiveron pensando que tema tradicional galego quedaba mellor e optaron nin máis nin menos que por 'A saia de Carolina', pero cambiando a palabra 'amor' por 'argot', "para que as sílabas e a rima cadrasen ben ao tempo que gardaba relación co tema das expresións".
"ACTUALMENTE O RAP ESTÁ MOITO MÁIS INTEGRADO NA SOCIEDADE, O CAL É MOI BONITO, E XA NON SÓ OS MÁIS NOVOS DESFRUTAN DEL"
Ao preguntarlle polo panorama actual do rap galego, Pablo amósase moi contento con como está evolucionando tanto a acollida do público como o número de artistas. "Eu penso que se avanzou moito, porque cada vez hai máis xente que fai rap", asegura, lembrando aqueles comezos seus cando, "no ano 2000, aos rapeiros mirábannos como a auténticos marcianos". E pon o exemplo dunha actuación que tivo en Castrelos, no ano 2009, na que "nos eramos os convidados 'raros'". Pola contra, sinala que "actualmente o rap está moito máis integrado na sociedade e cada vez máis, o cal é moi bonito, porque ademais tamén ves que se suma moita xente chegada doutras disciplinas artísticas, ou ao revés, xente do rap que grazas a este estilo remata noutras disciplinas". Así mesmo, tamén celebra que agora o xénero xa non se ve como unicamente reservado aos máis novos, senón tamén á xente adulta, e xa non se ve como un estilo excluínte dos demais: "Hai xente que escoita rock e outros estilos, pero entre eles tamén desfruta do rap".
Pablo nunca agardou chegar tan lonxe como está chegando neste mundiño do rap. E é que hai que destacar que xa actuou dúas veces no campo de Riazor en tan só un ano. "Se me din de neno que ía estar cantando no campo do Deportivo cando os meus pais me levaron a el por primeira vez non mo creería", rise, nostálxico. Ademais, tamén actuo co Coliseum da Coruña cheo nun dos seus concertos e saiu moi contento. Foi este pasado xoves no descanso do partido de básquet do Leyma Coruña contra o Barcelona. "Chamáronme para actuar no descanso e foi moi ben", celebra. Pablo agradece enormamente todo o apoio que está recibindo, pois lembra que "eu viña de estar moitos anos parado no mundo da música e voltar con este proxecto de Habló Pablo obrigoume a empezar de cero todo, non tiña nin redes e o negocio musical mudou moito dende que eu deixei a música, por exemplo, agora xa no hai copias físicas, case todo se consume en dixital".
"EU SON GALEGO E ESTOU ORGULLOSO DE SELO, POLO QUE AS MIÑAS CANCIÓNS FALAN DO QUE EU VIVO E VEXO NA MIÑA TERRA"
A motivación principal das letras deste rapeiro coruñés, ademais de gozar do propio ritmo, é a de facer reivindicación social e defensa de Galicia e da súa lingua. Como explica, "o rap é un xénero baseado na verba, na palabra, e, no meu caso, teño a grandísima sorte de ser bilingüe en galego e castelán ou mesmo mesturando ambos, polo que fago tanto cancións en galego como cancións en castelán". Así consegue crear temas que son verdadeira poesía falada e, asegura que "mesmo as cancións en castelán derrochan identidade galega por todas partes". Sen ir máis lonxe, ponnos o exemplo do tema 'De orilla a orilla', que fala da emigración galega á Arxentina e viceversa. "Ao final eu son galego e estou orgulloso de selo, polo que as miñas cancións falan do que vivo e vexo na miña terra", asevera cun sorriso de orella a orella. Como el mesmo diría, Habló Pablo --sinatura final de todos os seus temas--.
Ver esta publicación en Instagram
¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- A Xunta dialogará co Goberno central para que o galego chegue á xustiza
- O presidente da RAG e Besteiro analizan medidas para impulsar o galego nas institucións fronte a un PP que fai "puro teatro"
- “Agora falo galego e respóndenme en galego”: a viaxe lingüística dunha madrileña en Bertamiráns
- O PP expón no seu relatorio Político reservar o uso das linguas cooficiais ao Senado: "Velaremos pola lingua común no Congreso"
- “Á minuta”, “no intre” ou “ó dereito”, equivalentes ó castelán “al punto” (=“inmediatamente despois, xusto a seguir”)
- Unha ducia de concellos súmanse a 'Toponimízate', a campaña da RAG para recuperar nomes en risco de perderse