Obra, o título da permanencia

Obradoiro gaña 74-84 en Andorra e certifica a permanencia a falla dunha xornada. Bendzius, o mellor con 23 puntos. O equipo compostelán xogará por sexta tempada consecutiva na ACB. O vindeiro domingo, peche do curso contra Unicaja en Sar.

Por gcdeportes | Compostela | 15/05/2016 | Actualizada ás 00:43

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
Andorra 74:
Schreiner (0), Stojanovski (7), Betinho (13), Bogdanovic (21), Shermadini (6) -cinco inicial- David Navarro (4), Clark (7), Stephen Holt (3), Shawn Jones (13) e Sergi Pino (0).
Obradoiro 84: Donnie McGrath (9), Bendzius (23), Vasileiadis (7), Caloiaro (13), Aleks Maric (10) -cinco inicial- Tyler Haws (4), Triguero (9), Alec Brown (4), Kolesnikov (0), Santi Yusta (0) e Pepe Pozas (5).
Parciais: 14-24, 18-15 (32-39), 17-22, 25-23 (74-84).
Árbitros: Hierrezuelo, Bultó e Martínez Díez. Eliminaron por cinco faltas persoais a Aleks Maric.
Incidencias: partido da 33ª xornada da Liga ACB no Poliesportiu d'Andorra con 3.683 espectadores.

Bendzius, MVP do partido, anota ante a oposición de Sergi Pino e Shermadini.
Bendzius, MVP do partido, anota ante a oposición de Sergi Pino e Shermadini. | Fonte: ACB Photo

Un ano máis na ACB. Obradoiro gañou 74-84 en Andorra e certificou a permanencia a falla da última xornada, na que recibirá en Sar a Unicaja. Deste xeito, o equipo compostelán xogará por sexta tempada consecutiva na máxima categoría. Non foi o Obra que perdeu en Tenerife, senón un equipo serio e concentrado, máis intenso e consciente do que se xogaba: acadar a salvación sen depender dos favores de outros. E gañou con solvencia, sempre por diante no marcador, da man dun espléndido Eimantas Bendzius, autor de 23 puntos.

Con Vasileiadis no cinco, mandou Obradoiro dende o salto inicial. Andorra só anotou unha canastra (tripla de Betinho) nos seis primeiros minutos, e os de Moncho Fernández, moi concentrados, foron pouco a pouco abrindo oco dende a primeira tripla do aleiro grego. Un 2+1 de Bendzius puxo o 3-12, e xa anotaran os cinco obradoiristas. A segunda tripla de Vasileiadis foi o 3-15. Bogdanovic espertou os seus con cinco puntos (10-16), pero dúas triplas de McGrath e Pepe Pozas mantiveron a vantaxe galega: 14-24.

Arrincaron mellor os locais no segundo cuarto e con catro puntos de Clark puxéronse 20-26, pero un parcial de 0-6 devolveu a vantaxe ao Obradoiro (20-32). Andorra tentaba achegarse cos puntos de Bogdanovic, e os compostelán precipitáronse nun par de ataques. Malia outro 2+1 de Bendzius, Andorra chegou con opcións ao tempo de lecer: 32-39.

Tralo paso por vestiarios, un parcial de saída de 2-9, con cinco puntos de Bendzius, permitiu o Obra acadar a máxima vantaxe: 34-48. Joan Peñarroya parou o partido e os locais saíron con defensa en zona, que creou problemas ao ataque obradoirista. Tras un parcial de 10-2, Moncho Fernández parou o partido con 44-50. Andorra púxose a cinco, pero Obradoiro reaccionou cun parcial de 3-10 e chegou aos últimos dez minutos con 49-61.

Os xogadores do Obra celebran a vitoria e a permanencia nos vestiarios en Andorra.
Os xogadores do Obra celebran a vitoria e a permanencia nos vestiarios en Andorra. | Fonte: @pepepozas4

Os locais loitaban por meterse no partido e baixaron dos dez puntos (56-65), pero o MVP Bendzius anotou dúas triplas consecutivas, Caloiaro outra e o Obra acadou unha nova máxima vantaxe: 57-74. A vitoria xa estaba no peto. Pero Bogdanovic, con 8 puntos, baixou de novo a diferenza dos dez (68-76), e Moncho Fernández tivo que parar o partido a 2:22 do final. Aleks Maric e Triguero anotaron os tiros libres, e Caloiaro roubou un balón para sentenciar o partido cun mate. Ao final, 74-84. Obxectivo acadado: o título da permanencia, como gusta dicir o técnico Moncho Fernández. Sar será unha festa para pechar o curso o domingo (12.30h) contra Unicaja.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta