Gómez Noya arrinca a máquina

O pentacampión galego estréase en competición esta tempada cun cuarto posto no Gran Prix de Dunkerke. "Aínda non teño o tipo de forma para saír a tope, pero as sensacións foron moi boas", explicou Gómez Noya. A vindeira fin de semana, campionato de Europa en Lisboa.

Por gcdeportes | Pontevedra | 22/05/2016 | Actualizada ás 19:08

Comparte esta noticia

Tras seis meses afastado da competición, o pentacampión mundial Javi Gómez Noya volveu competir este domingo. Baixo distancia sprint e co seu equipo francés Sartrouville, participou no Gran Prix de Dunkerke, onde acadou a cuarta posición. Na localidade do norte de Francia, arrincou a tempada para o triatleta galego, quen renunciou este ano a competir nas Series Mundiais para dar prioridade á preparación para os Xogos Olímpicos de Río.

Gómez Noya arrincou a tempada no Gran Prix de Dunkerke.
Gómez Noya arrincou a tempada no Gran Prix de Dunkerke. | Fonte: dktl59.fr

O triatleta ferrolán aproveitou o prestixioso campionato francés por clubs para medir o seu estado de forma e recuperar sensacións antes da disputa do Campionato de Europa en Lisboa a vindeira fin de semana. Gómez Noya rematou cuarto cun tempo de 53:58, a 32 segundos do gañador, o australiano Jacob Birtwhistle (53:26). Segundo foi o noruegués Kristian Blummendfelt (53:49) e terceiro o británico Jonathan Brownlee (53:49), estes dous últimos compañeiros do triatleta ferrolán no Sartrouville.

Gómez Noya saiu algo retrasado da auga (a 15 segundos dos primeiros), pero recuperou a desvantaxe sobre a bicicleta e chegou á T2 co grupo dianteiro de case 20 triatletas. "Quedeime pechado ao principio da natación e recibín unha patada que me deixou un ollo morado. Por iso non saín ben da auga e tiven que ir moi forte na bici ata enlazar coa cabeza. En principio iban seis, e conseguimos chegar dez máis”, explicou o galego. Foi nos cinco quilómetros de carreira a pé onde se decidiu o podio.

“Aínda non teño o punto de forma para saír a tope a correr cinco quilómetros fronte a triatletas que xa competiron moito esta tempada. Pero dende logo que as sensacións foron moi boas. Acabar os do equipo segundo, terceiro e cuarto supuxo que gañemos de sobra a clasificación que conta neste campionato”, indicou Gómez Noya.

Trala súa volta á competición, o galego, medalla de prata en Londres’2012, apunta xa á seguinte cita do seu calendario: será o sábado, no circuíto do Parque das Nacións de Lisboa, onde disputará a primeira gran proba deste ano: o campionato de Europa, onde o ferrolán nado en Suíza podería acadar o cuarto título continental tralas vitorias en 2007, 2009 e 2012.
Despois de Lisboa, participará en tres probas das Series Mundiais para afinar a súa forma antes de viaxar en agosto a Río: Leeds (11-12 xuño), Estocolmo (2-3 xullo) e Hamburgo (16 xullo).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta