Por Ángela Precedo | VIGO | 11/06/2025 | Actualizada ás 22:00
Cada verán, en milleiros de fogares, repítese unha escena disfrazada de celebración: un bo boletín escolar, un curso superado ou a simple chegada das vacacións convértense en ocasións para entregar, por primeira vez, un teléfono móbil. O que semella un premio, pode ser unha cesión ao cansanzo, á presión do grupo ou á falsa promesa de seguridade. O que debería ser un símbolo de madurez convértese, con frecuencia, nunha porta prematura a hábitos que dificultan a aprendizaxe, a atención e o desenvolvemento emocional. Non só é cuestión de tempo libre, de estar máis ou menos entretidos. É unha cuestión de saúde mental, de calidade de vida e de dereito á infancia. E, sobre todo, é unha responsabilidade compartida. Ante esta realidade, algunhas comunidades educativas están a reaccionar con forza e convicción: pactan, organizan redes de familias, falan entre elas. Deciden, en grupo, atrasar o máximo posible o uso do móbil. Fan da resistencia unha acción política cotiá.
No IES Do Castro de Vigo, ese compromiso tomou forma real. Rute Palhares, presidenta da súa Asociación de Nais e Pais (ANPA), conta a Galicia Confidencial como comezou todo: "Xa a partir de outubro deste curso, pensamos na idea de facer un pacto de familias para retrasar o máximo posible a chegada do smartphone á vida das crianzas do centro educativo". Así, sinala que "baseámonos en experiencias que existen tanto no estado español como a nivel europeo... e mesmo en Australia". O motivo? A presión. "As familias vémonos un pouco na obriga de facer determinadas cousas coas nosas crianzas porque as fan o resto", asegura, e resalta que "cos móbiles pasa iso". "Aínda que non queiras darllo, se os amigos o teñen, semella que ti tamén tes que darllo", lamenta. Por iso, "vimos que era moi importante facer pactos, coñecermonos entre nós e descubrir que somos moitísimas as familias que non queremos dárllo, pero que imos rendéndonos pola presión social".
Do mesmo xeito que os pais, as crianzas tamén se renden. "Todo o mundo ten un ou outro dispositivo", asegura Rute, que explica que "as pantallas son algo pernicioso e moi perigoso se chegan antes de tempo, tal e como respaldan infinidade de estudos". Como indica, a recomendación xeral que se dá dende a Asociación de Pediatría é clara: "0 horas de pantallas para menores de 6 anos, 1 hora para menores de 12 anos e 2 horas para menores de 16 --incluídas neste cómputo as horas que empregan de pantallas na escola, as que adican a ver a televisión, a usar a tablet e a xogar cas consolas--". Esta nai insiste así en que o uso prematuro das pantallas está relacionado co "retraso da capacidade de maduración, dificultades cognitivas e problemas de lectoescritura". E apunta un feito inquietante: mesmo os adultos temos dificultades para manter a concentración se nos detemos a pensalo. "Como van ser capaces entón as crianzas que aínda non teñen desenvolvidas esas habilidades?", pregúntase.
"NO VERÁN HAI QUE ESTAR EN CONTACTO COA NATUREZA, COS IGUAIS, AO AIRE LIBRE... NON HAI MOTIVO PARA DAR UN SMARTPHONE COMO PREMIO"
Por todos estes motivos foi que naceu o pacto de familias neste instituto. "Falámolo coa dirección do centro e apoiou 100 % a nosa proposta", asegura. Ademais, tamén conta que "contactamos co CEIP Fleming, o noso centro educativo adscrito antes de que as crianzas pasen ao instituto, para que as familias de primaria saiban que aquí no IES Do Castro non van sufrir esa presión de ter que darlle un móbil aos seus fillos e fillas porque os compañeiros e compañeiras o teñen ou porque o profesorado o pida". Neste senso, Rute resalta que "mesmo tivemos a sorte de que este curso entrou en vigor a prohibición dos smartphones nos centros educativos, e iso facilitounos moito as cousas". E é que recoñece que, nun comezo, houbo certa resistencia, pero "hoxe a maior parte do profesorado entende perfectamente as recomendacións das asociacións de pediatría e dos pedagogos a nivel internacional". De feito, "son casos anecdóticos os dos expertos que respaldan o estudo a través das pantallas", celebra.
Agora que se achega o final do curso, lanzaron un recordatorio: "Quixemos refortalecer o pacto e asinalo para un ano máis, animando ás familias que aínda non o fixeron a que se sumen". Así mesmo, Rute lembra que, a nivel estatal, lanzouse tamén un pacto nesta liña a través da web 'Adolescencia libre de smartphones e escola saudable' que logrou que, en tres días de vida, se sumaran máis de 3.000 familias. Para ela, ese tecido comunitario é clave: "Permite facer rede sen sobrecargar o traballo voluntario". E insiste en que o verán é unha época clave: temos máis tempo libre, máis exposición ao lecer e tamén máis tentacións. Pero, que hai que facer no verán? "Estar en contacto coa natureza, cos iguais, facer actividades ao aire libre... Non hai ningún motivo para dar smartphones como premio ou agasallo polas notas", reivindica esta nai.
"É PRECISO QUE REFLEXIONEMOS SOBRE O TIPO DE INFANCIA QUE QUEREMOS PARA AS NOSAS CRIANZAS E PROTEXER ESA ETAPA ESENCIAL DA SÚA VIDA"
A reflexión final de Rute é tan clara como incómoda: "Se a túa nena sacou boas notas, igual foi precisamente porque non tiña móbil". "É preciso que reflexionemos sobre o tipo de infancia que queremos para as nosas crianzas e que pensemos en que debemos protexer esa etapa esencial da súa vida, porque ese é o noso deber como familias", asegura, insistindo en que "non podemos deixar que a comodidade, a presión social ou a desinformación nos fagan entregarlles aos nosos fillos e fillas ferramentas que, mal empregadas ou entregadas antes de tempo, actúan como unha droga que os afasta do xogo libre, da lectura, da atención sostida, das relacións reais...". "Os pais e as nais somos os responsables de coidar a saúde mental e emocional dos nosos fillos e fillas", asevera.
"Cando lles damos un smartphone, sen criterio e sen importar a idade, estamos facendo algo moi grave: estamos dándolles unha droga, unha estimulación aditiva que afecta directamente ao seu desenvolvemento", incide Rute, que sinala estudos que "comparan o seu efecto co dunha droga intravenosa, de maneira que darlles ás nosas crianzas un móbil antes de tempo é algo tan grave como se lles estivésemos ofrecendo un vaso de xenebra todos os días para comer", asegura. "Estámolo facendo sen serenidade, sen información e sen medir as consecuencias e, mentres, estamos dificultando a súa aprendizaxe, a súa capacidade de relación e, sobre todo, a súa estabilidade emocional e social", conclúe, incidindo en que "non podemos permitirnos seguir facendo coma se non pasara nada, porque pasa, e diante dos nosos propios ollos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.