Por Galicia Confidencial | Bilbo | 24/05/2016 | Actualizada ás 17:46
O consello de administración de Euskaltel -que comprou a galega R Cable- acordou destituír ao seu director xeral, Fernando Ojeda, e propoñer a Francisco Arteche como novo conselleiro delegado do grupo.
Na súa reunión celebrada este martes, o consello decidiu que Arteche é o profesional "máis axeitado" para liderar Euskaltel, "con garantías ante os novos retos da economía dixital que marcará a evolución do futuro do sector e a transformación de operador de telecomunicacións a operador de servizos dixitais e tractor da economía dixital", segundo explicou o operador vasco nun posterior comunicado.
O Consello de Administración acordou, por unanimidade, a extinción da relación contractual conFernando Ojeda, "cun recoñecemento expreso polo seu traballo" na empresa durante os últimos tres anos. Tamén propuxo á xunta xeral de accionistas a incorporación de dous novos conselleiros, Elisabetta Castiglioni e Miguel Ángel Lujua, que substituirán a Bridget Cosgrave e Richard David Alden, que presentaron a súa renuncia voluntaria ao cargo.
Arteche, que procede de Microsoft, conta cunha dilatada experiencia profesional de 20 anos como directivo de compañías multinacionais tecnolóxicas. Euskaltel destaca a súa "visión estratéxica na evolución do consumo no mercado das novas tecnoloxías, a súa capacidade de liderado, e o seu estilo de xestión de equipos, baseado no desenvolvemento profesional das persoas".
O novo conselleiro delegado é donostiarra e ten 51 anos. Está licenciado en Enxeñaría Industrial pola Universidade de Navarra en San Sebastián e MBA pola IESE Business School de Barcelona.
Pola súa banda, Elisabetta Castiglioni conta con "experiencia e coñecemento do sector das telecomunicacións e as tecnoloxías". Foi directora Executiva Global Media, Solucións IT e Servizos en Siemens, directora de Estratexia e Acceso e de Mercadotecnia de Produtos de Internet en Europa, Oriente Medio e África, en MCI Worldcom. Durante os últimos cinco anos foi conselleiro de Telekom Austria.
Miguel Ángel Lujua, "experto na xestión das persoas" e que substituirá a Richard David Alden, foi presidente de Confebask, membro do comité Ejecutivo e da Xunta Directiva da CEOE e vicepresidente de Innobasque. Actualmente é conselleiro director Xeneral do Grupo IMQ.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.