O Goberno crea 4 novas unidades xudiciais especializadas en Violencia sobre a Muller en Galicia

Galicia contará cun total de 6 Seccións especializadas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2025 | Actualizada ás 17:41

Comparte esta noticia

O Consello de Ministros aprobou este martes un Real Decreto que establece a creación de 50 novas prazas de xuíces e 42 de fiscais especializados en Violencia sobre a Muller en toda España; no caso de Galicia, a medida supón a creación de catro novas seccións especializadas.

Así, un dos novos órganos estará no partido xudicial de Vigo, outro no de Santiago, outro en Ourense e outra das seccións no partido xudicial da Coruña. Estas unidades súmanse aos dous Xulgados de Violencia sobre a Muller actualmente existentes en Galicia, na Coruña e Vigo, que pasarán a integrarse como Seccións especializadas dentro dos novos Tribunais de Instancia, tal como establece a Lei Orgánica 1/2025 de Eficiencia do Servizo Público de Xustiza.

Deste xeito, en conxunto, Galicia contará cun total de 6 Seccións especializadas, o que reforza de forma significativa a súa capacidade xudicial para atender este tipo de delitos, segundo destacou o Ministerio de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes. A medida, destacou o Ministerio, "mostra o firme compromiso do Goberno coa protección das vítimas de violencia de xénero e sexual, garantindo que o sistema xudicial dispoña dos recursos adecuados para brindar unha atención especializada e eficaz".

Xuízo por violencia de xénero
Xuízo por violencia de xénero | Fonte: EP

A XUNTA ESPERA QUE NON HAXA CONTRATEMPOS

A Xunta espera que dúas do catro prazas de xuíces especializados en violencia sobre a muller que se crearán a finais de ano en Galicia "non sexa á conta da transformación" de dous xuíces de instrución na Coruña e Vigo.

E é que así o recollía o anteproxecto do decreto que, precisamente este martes, recibiu o visto e prace do Consello de Ministros. De figurar así mesmo na versión final, o Goberno galego alerta de que a redución das seccións de instrución "suporía un incremento nos asuntos" desta orde, que xa está "ao límite da súa capacidade", especialmente en Vigo, ademais de "un atraso na tramitación das dilixencias penais".

No que se refire a as outras dúas prazas previstas de nova creación, serían para Santiago de Compostela e Ourense. A Xunta lembra que "leva xa dous anos reclamando", xunto co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a través da Comisión Mixta de Xustiza, un xulgado específico en Santiago e, de forma progresiva, no resto das cidades.

Así mesmo, o Goberno autonómico lamenta que a reforma de prazas xudiciais aprobada "veña, unha vez máis, sen asignación orzamentaria para as comunidades autónomas con competencias transferidas en xustiza, que son as que teñen que executar estas medidas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta