O décimo galego en Río

Iago López Marra, co cántabro Diego Botín de parella, participará nos vindeiros Xogos Olímpicos na categoría 49er de vela tras gañar a Delta Lloyd Regatta en Holanda. O deportista de Porto do Son conta con vantaxe dabondo a falla da proba final este sábado.

Por gcdeportes | Compostela | 27/05/2016 | Actualizada ás 21:32

Comparte esta noticia

O décimo galego en Río será un deportista de Porto do Son. A tripulación galego-cántabra formada por Iago López Marra e Diego Botín acada praza para os vindeiros Xogos Olímpicos tras ser a virtual vencedora da Delta Lloyd Regatta, que remata este sábado nas augas de Medemblik (Holanda). Dominaron dende o primeiro día, superan en 22 puntos aos segundos e terceiros clasificados e nin necesitan saír a navegar na última xornada. Quedan fóra os irmáns arousanos Carlos e Antón Paz, cuartos na xeral trala xornada deste venres, que só poden loitar por meterse no podio.

“Para nós a posibilidade de ir a uns Xogos é incríble, un soño feito realidade. Tentaremos traballar o máximo para facelo o mellor posible en Río”, comentou na Radio Galega o galego, que vivirá en agosto as súas primeiras olimpiadas.

Iago López Marra estará nos vindeiros Xogos Olímpicos.
Iago López Marra estará nos vindeiros Xogos Olímpicos. | Fonte: crtvg.es

Iago López MarraI e Diego Botín, que xa gañaran esta regata o ano pasado, estiveron na cabeza da proba ao longo de toda a semana, e aseguraron o título na última xornada clasificatoria disputada este venres. Un primeiro, un cuarto e un primeiro posto foron os seus tres resultados na xornada para certificar a vitoria a falla da Medal Race, regata final na que participan os dez primeiros e puntúa dobre. Os 22 puntos de vantaxe sobre os segundos e terceiros clasificados, os croatas Pavle Kostov e Petar Cuvac e os alemáns Justus Schmidt e Max Boheme, aseguran o triunfo da tripulación con representación galega.

Deste xeito, Iago López Marra súmase a Javier Goméz Noya, Támara Echegoyen, María Vilas, Fernando Echávarri Alessandra Aguilar e os padexeiros Cristian Toro, Teresa Portela, Óscar Carrera e Rodrigo Germade como representantes galegos nos vindeiros Xogos de Río.

Iago López Marra e Diego Botín, coa súa embarcación nas augas de Medemblik.
Iago López Marra e Diego Botín, coa súa embarcación nas augas de Medemblik. | Fonte: Sander van der Borch
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta