Gómez Noya, outra volta campión de Europa

O triatleta galego, pentacampión mundial, gaña o título Europeo por cuarta vez na súa carreira na proba disputada en Lisboa, con ampla vantaxe sobre o segundo clasificado, o ruso Dmitry Polyanskiy. As Series Mundiais en Leeds, vindeira parada na preparación cara a Río.

Por gcdeportes | Pontevedra | 28/05/2016 | Actualizada ás 14:38

Comparte esta noticia

Outra volta campión de Europa. E de xeito contundente, con ampla vantaxe sobre o segundo clasificado. O pentacampión mundial Javier Gómez Noya proclamouse por cuarta vez na súa carreira campión de Europa na proba celebrada este sábado en Lisboa. O triatleta galego controlou en todo o momento a carreira, disputada sobre a distancia sprint, e sentenciou nos dez quilómetros a pé, confirmando que a súa preparación para Río’2016 vai por bo camiño.

Gomez Noya, campión de Europa por cuarta vez en Lisboa.
Gomez Noya, campión de Europa por cuarta vez en Lisboa.

Gómez Noya saiu da auga (1,5 quilómetros) entre os primeiros, e liderou a proba no segmento da bicicleta xunto a un grupo de 13 triatletas. Da segunda transición xa saiu liderando a proba, a carón de Dmitry Polyanskiy. Pero o triatleta ruso apenas puido aguantar tres quilómetros o ritmo do ferrolán, que axiña rachou a carreira e marchou en solitario, como lle gusta, cara ao triunfo final. Chegou á liña de meta cun tempo de 1h:49:30, con case corenta segundos de vantaxe sobre Dmitry Polyanski. Terceiro foi o suízo Andrea Salvisberg. Non estaban en Lisboa os que serán a priori os seus principais rivais nos Xogos de Río: os irmáns Brownlee, o francés Vincent Luis ou o mallorquino Mario Mola, líder das Series Mundiais en 2016.

Esta foi a segunda proba que disputou o campión galego este curso, tralo retraso na súa preparación por unha lesión e tras estrearse a fin de semana pasada no Gran Prix de Dunkerke, onde foi cuarto. A seguinte proba no calendario de Javi Gómez Noya, perfilado co único obxectivo de acadar o ouro o 18 de agosto en Río, será a proba das Series Mundiais en Leeds (11-12 de xuño).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 arzuacapital

un fenómeno da natureza. un portento orgullo deste país