Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/06/2025 | Actualizada ás 16:46
As solicitudes de información de emigrantes ou descendentes para retornar a Galicia están a crecer en relación a outros anos, segundo datos da Secretaría Xeral de Emigración. Son, na súa maioría, iberoamericanos, con estudos e, principalmente, mulleres.
De acordo cos datos facilitados a Europa Press, aumentan estas peticións en relación aos programas de retorno en iniciativas como a feira de emprego de Buenos Aires e Montevideo ou as sesións informativas en Cuba, país do que destacan un "incremento grande de retornados" e outros países de América e Europa.
En canto ao perfil, a maioría son mulleres, un 53% fronte a un 46% de homes. "Preto do 90% teñen menos de 65 anos", remarcan ao apuntar a persoas en idade laboral e a maioría con estudos de rango medio. "Máis do 30% son universitarios", concretan.
Na 'Estratexia Galicia Retorna', a Secretaría Xeral desarolla distintos programas como a oficina de asesoramento, as axudas ao retorno emprendedor, para os que deciden iniciar un proxecto empresarial, as destinadas a familias ou novas, así como as medidas impulsadas desde diferentes departamentos autonómicos.
En canto aos requisitos, lembran que se comproba se contan coa nacionalidade española e, neste sentido, destacan "un importante repunte nas solicitudes de certificados de orixe e outros documentos que permiten demostrar a galeguidade". "Tanto para acceder á nacionalidade como para beneficiarse dalgúns dos programas de retorno".
REQUISITOS
Respecto diso, Celso Domínguez Búa, presidente da Asociación de Emigrantes Retornados Río Umia (AERU) -- entidade creada en 2013 -- explica que ao principio o colectivo maioritario que acudía á mesma eran "emigrantes retornados que xa levaban anos residindo en España e que xa percibían as súas pensións do estranxeiro ou que, unha vez xubilados no seu país de emigración, retornaban ao seu domicilio en Galicia".
"Na actualidade acoden a nós persoas que retornaron en idade laboral do seu país de emigración e que agora se están xubilando, co fin de que lles axudemos en todos os trámites para a reclamación das pensións, pero tamén contactan fillos ou netos de emigrantes, algúns aínda con vínculos familiares en Galicia e outros xa os perderon, co fin de que lles deamos información da documentación necesaria para o retorno".
"Son persoas entre os 35 e 50 anos e contactan indistintamente homes e mulleres coa procura de información para o retorno de toda a unidade familiar e mesmo algúns cos seus pais, con idades entre os 75 e 85 anos".
"Na súa gran maioría non contan con lazos familiares en Galicia ou se os teñen non manteñen contacto con eles polo que é moito máis difícil xestionar o retorno". Xunto á documentación necesaria, apuntan que algúns solicitan información de axudas económicas "ou se logo aquí poden percibir algunha".
"Nós non podemos tramitalas pero si lles facilitamos a información da Secretaría Xeral de Emigración ou mesmo delegacións no seu país para que poidan contactar". "Na actualidade os que solicitan información son maioritariamente de América do Sur, Arxentina, Brasil e Uruguai e no centro os que máis preguntan son de Cuba".
TRÁMITES LENTOS E DIFÍCILES
Respecto dos trámites, explica que son lentos porque dependen do Consulado de España. "Se teñen o matrimonio ou nacemento dos fillos inscrito e tramitado DNI ou Pasaporte élles máis fácil pero algúns non inscribiron nada e teñen que primeiro facer todos estes trámites e logo tramitar o retorno".
"Os emigrados en Cuba e Arxentina atópanse co problema de que non contan co certificado de nacemento dos avós galegos polo que deben conseguilo para logo acudir ao consulado e iniciar os trámites", expón tamén.
Mentres, María Teresa Bustamante, presidenta da Asociación de Migrantes de Galicia (AMIGA) -- impulsada por persoas que levaban anos traballando con este colectivo -- ratifica un incremento de solicitudes.
"En 2019 a maioría das persoas que chegaban a Galicia procedían de Venezuela, e nos dous últimos anos diversificouse máis a orixe, chegando case no mesmo número persoas de Colombia e Perú". "En xeral, case o 85% das persoas atendidas en AMIGA son iberoamericanas", engade.
Por outra banda, explica que a Lei de Memoria Democrática aumentou o número de consultas relacionadas coa adquisición da nacionalidade española "xa que abriu unha vía para residir en España, que supuxo unha gran oportunidade para que moitas persoas, ás que lles sería practicamente imposible regularizarse pola Lei de Estranxeiría, puidesen vivir e traballar en España".
COLAPSO EN OFICINAS
"Contrariamente ao que queren vendernos determinados grupos políticos, obter en España un permiso de residencia e traballo non é fácil". "Hai que cumprir moitos requisitos, e ademais, debido ao colapso e falta de persoal nas oficinas de Estranxeiría, os tempos de resolución dos procedementos son lentos" cunha media de tres meses en Galicia.
Así mesmo, expón que os daqueles países de orixe nos que se esixe un visado para poder entrar en España "téñeno aínda máis difícil, xa que os consulados e embaixadas de España dificultan enormemente a concesión dos visados". "Por iso é polo que miles de persoas cada ano traten de entran por vía terrestre ou marítima pagando mafias que a miúdo os extorsionan, torturan ou abandonan á súa sorte", apostila.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.