A Xunta aumenta a máis de 88.000 as hectáreas queimadas, máis que as ardidas no 2006 co bipartito

Hai varios grandes lumes. O incendio de Larouco arrasa 30.000 hectáreas en territorio galego e é o máis devastador da historia do país.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/08/2025 | Actualizada ás 22:36

Comparte esta noticia

A onda de incendios que arrasa á comunidade galega desde hai case dúas semanas deixa xa 88.300 hectáreas calcinadas tras a última actualización de superficie arrasada por focos activos e estabilizados/controlados.  Son case 20.000 hectáreas máis das que contabilizaba o pasado martes, pero lonxe das máis de 130.000 que recolle o sistema europeo Copernicus.

Vista aérea tras o incendio, a 20 de agosto de 2025, en Laza, Ourense
Vista aérea tras o incendio, a 20 de agosto de 2025, en Laza, Ourense | Fonte: Adrián Irago - Europa Press

Deste xeito, o 2025 é o peor ano de lumes desde a vaga de 1989 ao superar oficialmente as hectáreas ardidas durante o 2006, no bipartito, 77.000 segundo a Xunta de entón. En 1989, un ano antes da chegada de Fraga a Galicia, arderan case 200.000 hectáreas. Pero a diferencia destas dúas vagas de lumes coa actual e que se producían en toda Galicia, e non nunha provincia concreta, como é o caso de Ourense, agora. Tampouco había megaincendios como os catro que superan as 10.000 hectáreas.

Así, segundo as últimas cifras ofrecidas pola Consellería do Medio Rural, hai seis incendios activos que calcinan 82.000 hectáreas e outros tantos estabilizados que afectan a 5.240 hectáreas. O lume que máis superficie queimou ata o momento é o de Larouco, na parroquia de Seadur, que alcanza xa as 30.000 hectáreas calcinadas en territorio galego. Este lume é o máis grande da historia de Galicia desde que hai rexistros.

Tamén está activo o incendio de Chandrexa de Queixa e Vilariño de Conso, que se uniron nun único foco, e calcina 19.000 hectáreas; o terceiro máis extenso é o de Oímbra e Xinzo de Limia, nas parroquias da Granxa e Gundín, que arrasa 17.000 hectáreas.

Ademais, están activos os incendios da Mezquita, na parroquia da Esculqueira, con 10.000 hectáreas queimadas; o de Carballeda de Avia e Beade, na parroquia de Vilar de Condes e As Regadas, que afecta a 4.000 hectáreas; e o de Carballeda de Valdeorras, parroquia de Casaio, que alcanza as 2.000 hectáreas.

Pola súa banda, están estabilizados os incendios de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervos (900 hectáreas); o de Maceda, parroquias de Santiso e Castro de Escuadro que se uniron e alcanzan as 3.500 hectáreas; o de Vilardevós, parroquias de Fumaces e a Rube (100 hectáreas); o de Vilardevós, parroquia de Moialde (600 hectáreas); Riós, parroquia de Trasestrada (20 hectáreas); e o de Montederramo, parroquia de Paredes (120 hectáreas).

CONTROLADOS E EXTINGUIDOS

Por outra banda, están controlados os incendios do Saviñao, na parroquia de Chave (60 hectáreas); e o de Agolada, parroquia de O Sexo (400 hectáreas). Tamén quedaron extinguidos os lumes de Cervantes, parroquia de Vilarello (140 hectáreas); Muxía, parroquia de Nosa Señora da O (24,26 hectáreas); e o da Fonsagrada, parroquia de Monteseiro (142,5 hectáreas).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta