Por Galicia Confidencial | Silleda | 10/06/2025 | Actualizada ás 21:00
Esta fin de semana, e chegando ao remate da 47ª edición da Feira Abanca Semana Verde de Galicia, tivo lugar a XII edición do Concurso Morfolóxico Oficial de Cabalo Pura Raza Galega organizado por Puraga (Criadores do Cabalo de Pura Raza Galega) e contou con once exemplares desta raza autóctona participantes. Na categoría de sementais, o gañador foi Artai de Normandí, procedente de As Neves (Pontevedra), sendo o segundo posto para Alacrán, de O Valadouro (Lugo), e o terceiro para Farruquiño, de Vegadeo (Lugo). En canto a eguas, o pódium estivo composto, de primeira a terceira, por Garbosa Tras do Río, de Ortigueira (A Coruña); Alonda, tamén de Ortigueira, e Merla, de O Valadouro.
Respecto a poldros, os premios foron para tres femias. A primeira e a segunda clasificadas foron Sombra de Recemil, de Lourenzá (Lugo) e Gitana FR, de A Estrada. En canto ao terceiro posto, conseguiuno Cinza de Esqueiro, de O Valadouro.
RAPA CON ALOITADORES
Puraga realizou tamén unha exhibición de rapa nun curro con varios grupos de aloitadores de distintos puntos de Galicia onde, os cales inmobilizaron unha por unha a varias eguas do monte seguindo técnicas seguras tanto para eles como para os animais para logo cortarlles as crins e as colas. Unha actividade que se repite este domingo pola tarde e na que participarán aloitadores de “Rapa de Campo do Oso” (Mondoñedo e A Pastoriza), de onde tamén procenden as eguas participantes, da “Rapa de Santo Tomé” (Valadouro), “Rapa de Cuspedriños” (Cerdedo-Cotobade), a de “Alto de Neipín” (A Pontenova) e de “A Capelada” (Ortigueira).
Trátase dun evento financiado pola Xunta de Galicia, Consellería do Medio Rural, Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural: Europa inviste non Rural.
DESFILE E EXHIBICIÓN
Por primeira vez na feira, e de man de Puraga, levouse a cabo un desfile de exemplares desta raza engalanados ao xeito tradicional, con monturas antigas e outros complementos.
Na xornada do sábado tamén se levou a cabo unha exhibición de doma de alta escola con traballos de rendas longas pé a terra e doma clásica con cabalos de Pura Raza Galega pertencente á sección de doma de alta escola de Galicia “Dragóns de Santiago”. Actividade copatrocinada polos fondos europeos FEADER “Europa Inviste no Rural”, Ministerio de Agricultura, Xunta de Galicia e a propia Asociación.
Ademais, tamén se celebra na fin de semana o XI Galician Championship E.C.A.H.O Internacional C, un concurso morfolóxico de cabalos árabes.
ACTIVIDADE CANINA
Na xornada do sábado realizouse unha exhibición da Unidade Cinolóxica do Terzo Norte de Infantería de Marina e outra de pastoreo de ovellas con cans da raza boder collie, ademais de actividades co Can de Palleiro, demostracións de agility (axilidade canina) e tamén a Copa Federación Abanca Semana Verde de Galicia desta modalidade, tanto por equipos como individual.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.