Dous incendios en Cerdedo-Cotobade obrigan a desaloxar a 30 veciños e en Arbo o lume tamén se achegou ás casas

Galicia afronta unha nova xornada con varios incendios forestais activos, sendo o máis grande o de Meaño, que xa chega ás 60 hectáreas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 29/07/2025 | Actualizada ás 18:14

Comparte esta noticia

O Concello de Cerdedo-Cotobade informa de que dous incendios este mediodía de martes obrigaron a desaloxar a uns 30 veciños de cinco vivendas. Nun comunicado, indica que estes lumes se iniciaron no lugar da Longa, en San Xurxo de Sacos, e no lugar de Covas, na parroquia de Tenorio. O Concello sostén que ambos os lumes, "con toda probabilidade", iniciáronse en traballos de roza realizados por tractores, "sen que existise intencionalidade".

"A situación máis complexa viviuse en Covas, onde o lume calcinou aproximadamente seis hectáreas e obrigou ao desaloxo preventivo de cinco vivendas e ao redor de 30 veciños, co obxectivo de garantir a súa seguridade ante o avance do lume e o forte vento que complicou as tarefas de extinción", relata. Pasadas as 18,00 horas, informaba de que o incendio de Covas está controlado e o de Alonga está extinguido.

Entre outros medios, participaron: dous helicópteros, unha avioneta, cinco motobombas, nove brigadas e tres xefes de brigada. Tamén colaboraron operarios municipais, membros de Protección Civil de Cerdedo-Cotobade e Garda Civil. No operativo tamén estiveron presentes o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e o tenente de alcalde, Fernando Vázquez. Moitos residentes da zona tamén colaboraron nas tarefas de forma voluntaria. Con todo, non consta que a Xunta decretase unha Situación 2 por proximidade do lume a vivendas neste caso.

Vista do lume, a 29 de xullo de 2025, en Arbo
Vista do lume, a 29 de xullo de 2025, en Arbo | Fonte: Adrián Irago

DESACTIVADA A SITUACIÓN 2 EN ARBO E MÁIS DE 20 HECTÁREAS EN CARBALLEDO

Por outra banda, o servizo de emerxencias do 112 Galicia informou de que foi desactivada a 'Situación 2' do incendio forestal declarado este martes en Arbo, na parroquia homónima, que ameazaba vivendas nos núcleos do Pedreiro e O Urzal. A través dunha mensaxe na rede social 'X', recollida por Europa Press, a Axencia Galega de Emerxencias precisou que a Xunta desactivou o protocolo de protección nos lugares de Vilanova, O Urzal, A Chan e Aldea en Arbo, ao deixar de correr perigo polo incendio forestal que afecta o municipio, e en base aos plans galegos de Protección Civil e de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais (PEIFOGA e PLADIGA).

O incendio iniciouse ás 18,23 horas deste martes e, segundo as primeiras estimacións, afectaba a unha superficie de 8 hectáreas. Ata o momento mobilizáronse para a súa extinición un técnico, catro axentes, dez brigadas, cinco motobombas e dous helicópteros. O municipio lucense de Carballedo súmase aos que este martes tiveron que facer fronte a incendios forestais, cun lume na parroquia de San Mamede de Lousada que, segundo as estimacións provisionais, supera as 20 hectáreas, pero que sobre as 22.30 horas deuse por estabilizado, segundo informan a Europa Press fontes da Consellería de Medio Rural.

INCENDIO CAMARIÑAS E SANXENXO

Galicia vive unha nova xornada na que se rexistran varios incendios forestais. Dous deles, en Camariñas e Sanxenxo, afectaron á circulación, aínda que fontes da Garda Civil da provincia coruñesa e do Concello pontevedrés ratificaron que a situación xa quedou normalizada. No caso de Sanxenxo, o incendio produciuse en terreo forestal con vexetación baixa en Major. Ata o lugar desprazáronse medios de emerxencias municipais, así como bombeiros de Ribadumia e de Pontevedra, un helicóptero, catro brigadistas da Xunta, así como efectivos de Policía Local e Garda Civil.

Fontes municipais trasladaron que se calcinaron uns 3.000 metros cadrados, aínda que non houbo ningún desaloxo de vivendas. Tamén se chegou a cordar o tráfico e a desviar brevemente, aínda que finalmente a situación normalizouse. A mobilización de efectivos tamén permitiu controlar con rapidez a situación provocada por un lume forestal nas Carballas, en Camariñas. Fontes da Garda Civil confirmaron a Europa Press que o avance das chamas, con forte vento, obrigou a controlar a circulación, que se fixo máis lenta por momentos, aínda que "non se chegou a cortar de todo o tráfico". Tamén neste caso a situación normalizouse.

Equipos dos servizos de Emerxencias traballan para extinguir o lume, a 28 de xullo de 2025, en Salvaterra do Miño / Adrián Irago / Europa Press
Equipos dos servizos de Emerxencias traballan para extinguir o lume, a 28 de xullo de 2025, en Salvaterra do Miño / Adrián Irago / Europa Press

INCENDIOS EN SALVATERRA, MEAÑO E OUTROS CONCELLOS

En canto aos incendios máis significativos con respecto ao número de hectáreas queimadas, a Consellería do Medio Rural informou dun incendio activo no municipio pontevedrés de Meaño, na parroquia de Xil. A superficie afectada, segundo as últimas estimacións, subiu a 60 hectáreas. Os medios de extinción consideran que xa está estabilizado.

En 47 hectáreas queimadas situaban os cálculos de Medio Rural a superficie afectada no lume de Salvaterra de Miño, en Pesqueiras, que obrigou na pasada xornada a activar a situación de alerta preventiva por proximidade de vivendas. Foi desactivada e este incendio xa foi controlado. En Gondomar, quedou controlado un lume rexistrado en Vincios. Na provincia de Lugo, hai dous lumes activos, en Quiroga e Carballedo; e en Ourense outro na mesma situación en Carballeda de Avia, aínda sen cálculos de superficie queimada. Estabilizado quedou sobre as 16,20 horas outro lume en Vilardevós.

INCENDIO NO BARBANZA

Un incendio afectou á cociña da cafetaría do Hospital do Barbanza, en Ribeira (A Coruña), na mañá deste mércores. Nun comunicado, o Consorcio Contra Incendios e de Salvamento A Coruña explica que o lume foi extinguido por bombeiros do parque provincial en Ribeira. Só se produciron danos materiais e non foi necesario desaloxar o centro hospitalario.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta