Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2025 | Actualizada ás 11:55
A elección de Concepción Pombo como directora da que será a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, S.A. (CSAG), ata agora CRTVG, irá a segunda votación ao contar só cos votos a favor do Partido Popular. A oposición, que reiterou as súas críticas, decidiu non apoiar á aspirante. A designación de Concepción Pombo como candidata a dirixir a CRTVG chegou este martes ao pleno da Cámara galega tras ser aprobada a súa candidatura en solitario polo PP na Comisión de control dos medios públicos.
Nunha votación secreta e mediante papeletas, os deputados do PPdeG situáronse a favor, mentres que a oposición optou pola papeleta en branco --a única opción contraria permitida--. Ao non alcanzar a maioría de dous terzos da Cámara (50 votos), a votación repetirase no pleno no prazo dun mes, cando a aspirante poderá resultar elixida con maioría de tres quintos da Cámara (45 votos). De non alcanzarse tampouco esta maioría de tres quintos, incluirase a elección no seguinte pleno, no que poderá ser elixida por maioría absoluta.
No debate, no que o deputado de Democracia Ourensá, Armando Ojea, declinou comparecer, os grupos da Cámara volveron a reiterar as súas posicións. Así, a primeira en intervir foi a parlamentaria socialista Silvia Longueira, quen cualificou a elección da nova dirección da CRTVC como un "thriller sen suspense nin xiro dramático" no que, "pase o que pase", "a señora Pombo será a máxima responsable das próximas campañas de propaganda do PP".
Tras a intervención da socialista, a parlamentaria do BNG Olalla Rodil, iniciou o seu discurso deixando claro que a súa formación non apoiará este nomeamento ao considerar que supón formar parte dun proceso, a nova lei de medios públicos, que implica "un enorme retroceso democrático" ao permitir que se poida designar "única e exclusivamente cos votos do PP". Tras censurar que o PP faga en Galicia o que en Madrid tacha de "asalto ás institucións", avanzou que o único que deixará Concepción Pombo na CRTVG será "máis propaganda e menos pluralismo". "Xa é absolutamente imposible diferenciar o argumento do partido da escaleta do Telexornal", censurou.
Pola súa banda, a deputada do PPdeG Carmen Pomar sostivo que con esta votación iníciase o peche dun ciclo "de máis dun ano de duración" cunha lei "necesaria para adaptar o marco normativo á regulación estatal e europea". "Pero tamén para facelo á nova realidade derivada dos imparables e acelerados cambios tecnolóxicos dos últimos anos", indicou. Pomar, que aproveitou para trasladar o seu "recoñecemento" á "xestión exemplar" realizada polo director xeral saínte Alfonso Sánchez Izquierdo, acusou á oposición de "ir de farol" cando se lle "enche a boca falando da necesidade de consenso". A parlamentaria do PP tamén puxo en valor a capacidade da aspirante para a responsabilidade, con "experiencia e notable coñecemento da corporación". "A candidata é, sen dúbida, unha aposta decidida polo talento e pola canteira propia", dixo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.