Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/06/2025 | Actualizada ás 17:06
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, confirmou este xoves a visita en outubro á Ribeira Sacra de consultores da Unesco no tramo final da candidatura galega a Patrimonio Mundial, que será avaliada en xuño de 2026.
"Estamos convencidos do valor deste terriotiro e, por iso, confiamos en que alcance o merecido recoñecemento", defendeu o responsable autonómico, que transmitiu ademais as "boas sensacións" do Goberno galego. "Estamos, de novo, ante pasos chave aos que nos enfrontamos coa tranquilidade e seguridade que dá contar cunha candidatura madura, sólida e arroupada non só polo Goberno central, senón por toda a comunidade, veciñanza, axentes locais e institucións da zona", asegurou.
O conselleiro lembrou que a candidatura pon en valor que se está ante un territorio que abarca 26 concellos das provincias de Lugo e Ourense que posúen "un valor universal e excepcional". Precisamente, a proposta céntrase en atributos especiais para deixar constancia do seu carácter único, que van desde canóns e vales fluviais esculpidos pola auga ata o relevante do seu patrimonio hidráulico, con infraestruturas que chegaron aos nosos días desde a revolución tecnolóxica medieval con muíños, centrais ou saltos de auga.
A este respecto, fixo fincapé en que a candidatura presenta unha paisaxe construída co uso da auga "dunha maneira nova que non está presente aínda de maneira suficiente na Lista de Patrimonio Mundial".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.