Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 14/06/2025 | Actualizada ás 14:44
A Policía Nacional detivo este sábado no posto fronteirizo de Su D'urgell, en Lleida, ao sexto e último dos implicados na pelexa da praza de Barcelos, en Pontevedra. Así o informou o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, que detallou que o detido viaxaba nun vehículo compartido para "pasar inadvertidamente" a fronteira con Francia e evitar o control policial e a orde de busca e captura nacional e internacional emitida pola comisaría de Pontevedra.
A Policía Nacional considérao o "autor principal" da grave pelexa e con esta detención, en principio e a expensas do que decida a autoridade xudicial, queda resolta a investigación policial. Losada felicitou á Policía Nacional e, concretamente, aos axentes da Comisaría de Pontevedra polo "excelente traballo" que conduciu á resolución do sucedido e a detención desta persoa, á que lle "imputan os feitos máis graves" que se produciron durante a liorta. O suceso tivo lugar na tarde do martes, día 3 de xuño, e tres persoas resultaron feridas por arma branca. Nun primeiro momento, os axentes detiveron a catro persoas e, este martes, tivo lugar a detención doutro mozo implicado na pelexa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.