PlasmoWine: unha maneira de anticiparse ao mildiu antes de que ataque as viñas empregando a tecnoloxía

Unha empresa galega combina predicción meteorolóxica e análise de esporas para reducir tratamentos e protexer o viñedo. A tecnoloxía desenvolvida por Monet Viticultura permite aforrar ata un 30 % en produtos fitosanitarios e mellorar a saúde do viñedo.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 28/06/2025 | Actualizada ás 20:15

Comparte esta noticia

O mildiu, unha das enfermidades fúnxicas máis temidas polo viñedo, continúa desafiando ano tras ano a viticultores de toda Galicia e máis aló. Tradicionalmente, os tratamentos para frealo aplicáronse seguindo o calendario ou a intuición: pulverízase 'por se acaso', moitas veces sen unha xustificación científica detrás. Pero o contexto cambiou. O cambio climático alterou as regras do xogo, e confiar só no costume pode supoñer perdas económicas, ineficiencia e sobreexposición a produtos fitosanitarios. Nese escenario nace unha forma distinta de entender a prevención: saber exactamente cando hai risco real de infección e actuar xusto nese intre. Diso vai a predicción intelixente de enfermidades fúnxicas. E é tamén do que trata o proxecto PlasmoWine, unha iniciativa que deu un paso máis aló ao unir meteoroloxía, fenoloxía e análise de esporas no ambiente para adelantarse ao mildiu antes mesmo de que aparezan os primeiros síntomas.

Vide con mildiu
Vide con mildiu | Fonte: Deputación de Pontevedra - Arquivo

A idea de fondo é sinxela, pero potente: se puidésemos saber que o fungo está no aire e que hai condicións ambientais para que infecte a vide, poderiamos aplicar os tratamentos fitosanitarios só cando sexan realmente precisos. Así, habería un aforro económico importante para os viticultores, pero tamén se reduciría a carga química no medio natural e contribuiríase a mellorar a saúde do solo e a biodiversidade. Ademais, isto repercutiría directamente na calidade final da uva e, polo tanto, tamén na calidade final do viño, que se beneficiaría dun cultivo máis sustentable, controlado e adaptado á realidade de cada campaña. En definitiva, sería un paso adiante cara unha viticultura máis intelixente, respectuosa co medio e baseada na ciencia.

UNHA FERRAMENTA PARA ANTICIPARSE AO FUNGO

Detrás deste proxecto está Monet Viticultura, unha empresa galega que dende o 2014 traballa en ferramentas de innovación aplicadas ao sector vitivinícola. A súa plataforma web e app permite aos viticultores controlar os seus cultivos dende calquera dispositivo conectado a Internet, cunha función clave: a predicción de enfermidades fúnxicas como o mildiu, o oídio, a botrytis ou o 'black rot'. O modelo baséase no cruzamento de datos meteorolóxicos co ciclo de vida do fungo e a fenoloxía da planta. É dicir, avalía se o fungo está nunha fase infecciosa e se a planta está nun intre de alta susceptibilidade. E aínda que todo isto xa era tecnoloxía avanzada, co proxecto PlasmoWine foron un paso máis aló.

"PlasmoWine xorde a raíz doutro proxecto anterior, Viticast, e coa idea de incorporar unha nova variable: a presenza de esporas no ambiente", explica Débora Franco Vázquez, xerente e socia fundadora de Monet Viticultura. Para iso, instalaron captadores aerobiolóxicos que simulan o funcionamento dun pulmón humano: aspiran o aire e capturan as esporas nunha cinta, que logo é analizada no laboratorio. Neste caso esas análises eran levadas a cabo por expertos da Universidade de Vigo (UVigo) e da Estación Fitopatolóxica do Areeiro (EFA). O obxectivo era dobre: confirmar se había risco de que o fungo infectase á vide en función das condicións meteorolóxicas, pero tamén comprobar se este risco era maior se tamén había gran cantidade de esporas activas no ambiente. "Así podemos saber cal era o mellor momento para aplicar un tratamento e, sobre todo, optimizalo, é dicir, non tratar a vide se non é preciso porque as condicións non son favorables para o desenvolvemento do mildiu", apunta Franco Vázquez.

Manchas de mildiu na viña
Manchas de mildiu na viña | Fonte: GC - Arquivo

UNHA PREDICCIÓN SEMELLANTE A DETECTAR UNHA GRIPE ANTES DE TER FEBRE

O sistema aseméllase ao diagnóstico temperá dunha gripe: un pode estar infectado co virus da gripe sen ter síntomas, pero, se o detecta a tempo, pode medicarse e evitar que a enfermidade se desenvolva ata chegar a supoñer unha verdadeira complicación. "Os nosos modelos dinche o momento no que se pode producir a infección, coa idea de poder aplicar o tratamento antes de que haxa incubación e de que se cheguen a producir os síntomas", sinala Franco Vázquez. E é que, nun contexto de cambio climático, onde as estacións xa non responden a patróns fixos, aplicar tratamentos por calendario volveuse pouco fiable. "Por exemplo, fai unhas semanas na comarca do Ribeiro tivemos varios días que superaron os 30 graos, estando aínda no mes de maio", comenta. Eses cambios no tempo que se están vendo nos últimos anos, e que non respectan xa as estacións tradicionais, fan fundamental medir datos como a temperatura, a humidade na folla ou a presenza de vento, que pode secala e evitar a infección.

RESULTADOS CLAROS E ACOLLIDA POSITIVA

PlasmoWine concluíu o pasado ano 2024 e os seus resultados foron concluíntes: "Vemos unha clarísima correlación entre os modelos e o número de esporas no ambiente", asegura Franco Vázquez. Iso xerou confianza nos viticultores que participaron no proxecto. Un dos casos máis destacados é o de Viña Costeira, unha cooperativa que difundiu os resultados do proxecto entre os seus socios. "A acollida foi boa porque viron os resultados: en función das distintas parcelas, calculamos que se pode aforrar ata un 30 % en produtos fitosanitarios", sinala. Un importante aforro económico, sen dúbida, pero non só económico. "Tamén supón unha mellora importantísima para o medio ambiente e, por suposto, axuda a minimizar residuos", apunta, sinalando que, "se conseguimos optimizar o emprego de fitosanitarios, tamén estamos mellorando a calidade do produto final". A clave, como di, está en optimizar: non se trata de reducir tratamentos a toda costa, senón de aplicalos só cando realmente é preciso.

MODELOS ACCESIBLES

Os modelos baseados nas condicións meteorolóxicas de Monet Viticultura están dispoñibles comercialmente, aínda que a parte da análise de esporas mantense no ámbito da investigación, debido á necesidade de que os resultados sexan analizados polo ollo humano no laboratorio e, traducir isto a nivel comercial, indo adega por adega, sairía moi custoso. Así, "para executar os nosos modelos o único que precisamos é recoller datos meteorolóxicos dunha estación meteorolóxica que pode estar ubicada no propio viñedo ou mesmo ser unha estación pública que quede nas inmediacións do cultivo, como as que ten MeteoGalicia distribuídas por distintos lugares da xeografía galega", explica Franco Vázquez. Con eses datos, o sistema calcula o risco hora a hora, en tempo real, e iso é o que logo lle ofrecemos ao viticultor, directamente a través da plataforma. "Cada hora recalculamos o risco para que estean sempre o máis actualizados posible", asegura.

OPTIMIZAR PARA SOBREVIVIR

Máis aló dunha cuestión técnica, a predicción do mildiu e outras enfermidades fúnxicas convertiuse nunha necesidade estratéxica para a viña nun contexto en que se cuestiona o modelo agrícola actual. "Trátase de optimizar tratamentos, aforrar custos económicos e medioambientais, reducir residuos e mellorar a calidade do produto final", resume a xerente e socia fundadora de Monet Viticultura. Un cambio de paradigma que empeza por observar mellor o que acontece no aire, e actuar antes de que sexa demasiado tarde. Porque cada tratamento innecesario que se evita é tamén un paso cara unha viticultura máis sustentable, máis racional e máis en sintonía coa contorna. Nun intre de cambio climático e presión social sobre o uso de fitosanitarios, anticiparse é, máis ca nunca, unha forma de resistencia.

Mildiu nunha folla de vide
Mildiu nunha folla de vide | Fonte: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta