Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/06/2025 | Actualizada ás 13:23
Espazo Común Galeguista, a formación que encabeza o exsecretario xeral do PSdeG Pachi Vázquez, instou ao presidente estatal, o socialista Pedro Sánchez, a "dar a cara ante a cidadanía" e o Congreso dos Deputados, "someténdose a unha moción de confianza".
Nun comunicado, a Executiva de Espazo Común manifesta a súa "profunda sorpresa e preocupación ante os graves acontecementos que sacoden o PSOE e o Goberno de Pedro Sánchez". "Os escándalos de corrupción, as dimisións na executiva socialista e as revelacións sobre prácticas irregulares son absolutamente inaceptables para unha formación que debería ser exemplo de transparencia e compromiso coa cidadanía", traslada.
Nesta conxuntura, Espazo Común considera "insuficiente" a resposta do presidente estatal e recalcou que, baixo o seu punto de vista, "a gravidade dos feitos" esixe "moito máis que palabras": "require accións concretas e valentes".
Por iso, instan a Sánchez a convocar unha moción de confianza. "Sería o mínimo que se pode esperar dun líder comprometido coa democracia e coa rexeneración política. A moción de confinaza non é só unha ferramenta constitucional, senón unha oportunidade para que Sánchez demostre se segue contando co apoio necesario para liderar o país nun momento de tanta incerteza", esgrimen.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.