O BNG ve "imprescindible" que Sánchez compareza "de inmediato": "O que nos preocupa é unha corrupción sistémica"

Tras coñecerse a investigación por presunta corrupción ao exsecretario de Organización do PSOE Santos Cerdán, o líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, defendeu que "se están tomando medidas".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/06/2025 | Actualizada ás 14:42

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que lle parece "imprescindible" que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, compareza "de inmediato" para explicar unha situación que cualificou de "moi grave" tras coñecerse a investigación por presunta corrupción ao exsecretario de Organización do PSOE Santos Cerdán, mentres que o líder dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, defendeu que "se están tomando medidas".

A preguntas dos medios este luns, Pontón volveu a pedir "tolerancia cero" coa corrupción e reivindicou que o BNG mantén "unha folla de ruta moi clara": "Levamos 40 anos neste país xestionando recursos públicos e nestes 40 anos non hai nin unha soa condena. Estamos aquí para traballar pola xente, polo ben común e para demostrar que hai outra forma de facer política". Así mesmo, insistiu en que a "liña vermella" do Bloque é que non queren corrupción "en ningunha institución".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón | Fonte: BNG - Arquivo

Por iso, sinalou que lles parece "imprescindible" que Sánchez "compareza de inmediato" ante unha situación "moi grave" que "merece explicacións" e "medidas rotundas" para evitar situacións deste tipo. Tamén ve necesarias medidas no modo no que se adxudican contratos públicos para evitar que "empresas que corrompen poidan contratar coa administración pública". "Sería un paso adiante moi importante que tamén poría coto a todas estas prácticas corruptas, que atravesan o bipartidismo, atravesan á propia monarquía, e o que nos preocupa é unha corrupción sistémica que o BNG non ten absolutamente nada que ver con iso", manifestou.

"ESTÁN A TOMARSE MEDIDAS"

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, cuestionado sobre se prevén "medidas máis contundentes", defendeu que "se están tomando medidas". Neste sentido, recoñeceu que os "indicios máis que serios sobre corrupción por parte de quen foi secretario de Organización" prodúcenlles "unha enorme dor" e unha "crise de confianza grave".

Con todo, volveu a defender a forma de afrontalo dos socialistas, "con determinación" e "apartando aos que cometen eses actos deshonestos, sen prexulgar a presunción de inocencia". "Pero inmediatamente apártase, extírpase da nosa organización e sométese a exposición pública e xudicial", destacou. "Non todos reaccionan así", continuou para sinalar ao PP que, na súa opinión, "non se manifestou ante casos de corrupción como un partido que fixese iso, senón todo o contrario".

Tamén sinalou a Vox, "que acaba de ser sancionado con 800.000 euros polo Tribunal de Contas por irregularidades no seu financiamento". "A suma de dous partidos corruptos non dá un Goberno limpo", aseverou Besteiro. Así, afirmou que o PSOE reaccionou "como se tiña que reaccionar", tamén ensinando "o sentimento de dor" do partido, o que, apuntou, "non impide seguir o camiño e marcar que é mellor para os intereses dos españois e dos galegos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta