Seguirá España a ser unha democracia?

Comecemos cuns exemplos. Lemos nos medios que o Senado do Brasil arredou do goberno á Dilma Roussef. E, claro, o primeiro que nos preguntamos é: sería iso posible en España? E resulta que non, pois, para empezar, o noso prescindible Senado non ten esa función (nin ningunha outra que pague a pena).

Por A.C. Pereira-Menaut | Compostela | 08/06/2016

Comparte esta noticia

Lonxe de Brasil, na Franza, e perante as medidas antisociais que se aveciñan, a cotío prodúcense manifestacións, mesmo enérxicas, protagonizadas por traballadores e máis universitarios. Non faltan deputados na maioría gobernamental que se opoñen, e o primeiro ministro Valls, ante a resistencia parlamentaria ao seu proxecto de lei, acudiu ao dubidoso artigo 49.3 da Constitución, que lle permite substraerse ao voto da Asemblea Nacional. Outro caso impensable hoxe aquí.

Como tampouco sería pensable o que sucede ultimamente na Grecia: ante as novas reformas prodúcense importantes manifestacións contra o goberno e o partido Syriza; manifestacións mesmo da policía.

Máis impensable aínda? No Reino Unido, con motivo do “Brexit”, moitos conservadores opóñense a Cameron e mesmo fan campaña en contra, incluíndo algún ministro. Non son sancionados nin expulsados do partido.

Ningún deses países —nin Iglaterra hoxe— é a Atenas de Pericles nin o arquetipo mundial do constitucionalismo e a democracia. Pero, por comparación, qué pasa aquí? Aquí escandalizámonos da involución de Hungría ou da extrema dereita austriaca, mentres seguimos a repetir acriticamente a verdade oficial: España é unha democracia constitucional occidental como a que máis. Agora ben, visto o camiño de recurtes de liberdades que levamos, e o pouco que nós, o pobo, podemos facer, é iso sostible, sen máis?

Se as fallas na democracia foren ocasionais, pase; mas se viñeran para ficaren, para que manter ese piedoso autoengano nacional? Ao que máis se semella España, observada con lupa, é a unha partitocracia que aos poucos se vai volvendo máis autocrática, aínda que cunha autocracia postmoderna, estilo Tocqueville-Huxley. Nótese que o que hoxe abonda no mundo non son as ditaduras militares rudas e bigotudas senón as democracias formais pero escasas de liberalismo; na práctica, semidemocráticas e sobradas de máis ou menos sutil autoritarismo (cada vez menos). Profeticamente dixera o Huxley que as novas ditaduras non serían como as antigas e que se basearían no consentemento. E España está a resultar autocrática non só comparada cos mellores momentos de Atenas ou do constitucionalismo anglosaxónico, senón en comparanza coa Franza ou o Brasil.

Tiremos algunhas leccións.

Primeira, formal e institucional: as nosas institucións constitucionais non garanten moita división de poderes; non hai moitos “checks and balances”. A vida política española real case suxire unha administración pública xerárquica: as decisións tómanse arriba, polo goberno, e non poden ser revertidas por ningunha institución; Senado, Tribunal Constitucional ou outra, porque non hai institucións verdadeiramente independentes de “Los Que Mandan”. E agora comprobamos que tampouco hai moitas forzas políticas que o primeiro que realmente queiran sexa acabar coas listas bloqueadas ou derrogar a Lei Mordaza.

Segunda lección, no terreo social: a nosa sociedade non pode (se é que quere) facer como as sociedades civís deses países. Está controlada como nunca; por acaso anestesiada. Quen se manifesta hoxe espontaneamente na España, e qué riscos corre? E, para que serviría? O propio mundo universitario (sen excluírmos  certos rectorados) parece entregado ás metas do capitalismo financeiro; metas anti-populares e contrarias ao humanismo e á idea de universidade. A universidade sempre foi un fermento de descontento que nin as ditaduras domesticaban de todo: un chegaba á universidade e facíase anti-franquista. Sempre os universitarios quixeron cambiar o mundo; seguen a querer iso hoxe? O altruismo non lles tira moito, e os saberes superiores que non veñan sendo directamente útiles, tampouco.

Terceira: en España non só fallan institucións e partidos; non só é un estado con moita presenza policial; non só hai control social, senón que —hai que renderse á evidencia— tamén o hai mental. Moitos están indefensos, mesmo mentalmente. Os bos cidadadáns españois repiten acriticamente mantras que serían propios de súbditos, como “a lei é a lei e é para cumprila”, aínda que esa lei poida prexudicarnos a nós e beneficiar aos ricos, ou non a elaboraran os nosos representantes (así, novo artigo 135 da Constitución, que garante… que pagaremos). Ou véxase, tamén, como vai callando a mentalidade de submisión noutros mantras como “o bo cidadán paga os seus impostos” (no canto de “o bo cidadán paga impostos xustos e votados por el ou os seus representantes”, como dicían a Carta Magna e a Declaración de Independencia americana); sometámonos ao estado de dereito (que, así, pasa a obrigarnos a nós no canto de obrigar ao estado); non superemos os 120 kph aínda que non haxa radares; os recurtes das prestacións e das liberdades son inevitables…

Estes españois de hoxendía, crédulos como nunca, interiorizan o que manda o estado, ainda que trate de como educaren aos seus propios fillos. Unha propaganda intelixente e “moralizante” convenceunos a todos de que os culpables da corrupción no fondo foramos todos, por intentarmos non pagar o IVA ao fontaneiro; e os culpables da crise, tamén, pois todos tirabamos cos cartos. E así uns gobernantes inmersos na corrupción —algúns deles defraudadores dese erario público que din custodiar—, póñense de raposo cuidador de galiñas/predicador da ortodoxia moral do gran capitalismo financeiro transnacional. E para isto non se necesita moita democracia constitucional. Se é que non é un atranco.

Que opina vostede?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antonio Carlos Pereira-Menaut É Catedrático de Dereito Constitucional na USC. Tamén é director da Cátedra Jean Monnet de Dereito Constitucional europeo.Ocupouse de Teoría Política, Teoría Constitucional, Constitucionalismo Comparado (sobre todo, inglés), e Federalismo, Autonomía e organización territorial. É un gran coñecedor do proceso de constitucionalización da Unión Europea.