Galicia comprométese coa prevención e detección temperá da enfermidade renal, que afecta a un de cada sete galegos

O Parlamento de Galicia apelou ao esforzo na prevención, a detección e o tratamento da enfermidade renal crónica (ERC) co obxectivo de mellorar a saúde e a calidade de vida dos galegos e as galegas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2025 | Actualizada ás 14:53

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia apelou ao esforzo na prevención, a detección e o tratamento da enfermidade renal crónica (ERC) co obxectivo de mellorar a saúde e a calidade de vida dos galegos e as galegas. O titular do Lexislativo galego, Miguel Santalices, deu lectura este mércores a unha declaración institucional sobre a saúde renal, na que sinalou que un de cada sete galegos padece algún grao de ERC e "máis de 4.000" persoas requiren tratamento renal sustitutivo (diálese ou transplante).

O documento sinala que a natureza silenciosa e progresiva desta enfermidade fai que a detección temperá sexa "crucial" para previr as comorbilidades asociadas e a progresión destas a estadios máis graves, resultando tamén nunha mellora da calidade de vida. Ante iso e "consciente da importancia" da saúde renal, a Cámara galega traslada o seu compromiso coa prevención a través da de campañas anuais de concienciación e educación dirixidas á poboación xeral e aos grupos de risco. Para tal efecto, indica que "o Día Mundial do Ril, en marzo de cada ano, poderá ser eixo central de cada campaña".

Así mesmo, o texto incide na prevención e detección temperá para previr estas complicacións e atrasar a súa progresión e subliña o apoio social e acceso a tratamentos de modo individual. Ademais, apela á colaboración institucional para promover entre as institucións sanitarias, as asociacións de persoas con ERC, os profesionais da saúde e a sociedade en xeral para abordar de forma integral a ERC en Galicia. A Cámara tamén destaca o apoio á investigación e á innovación no campo da nefroloxía, co obxectivo de desenvolver novas terapias e mellorar a calidade de vida das persoas. "O Plan de atención integral ás persoas con ERC é unha ferramenta aínda por desenvolver en Galicia", indica.

Ademais, aposta por fomentar a visibilidade e o protagonismo da nefroloxía na asistencia sanitaria e na sociedade en xeral como eixo central para alcanzar estes obxectivos. Por último, indica que "coida os teus riles, coida a túa vida" é un lema que lembra a importancia da saúde renal e a necesidade de actuar de forma proactiva para previr e combater a ERC. "O Parlamento de Galicia reafirma o seu compromiso con esta causa e convida a toda a sociedade a sumarse a este esforzo colectivo", finaliza.

Parlamento de Galicia
Parlamento de Galicia | Fonte: PARLAMENTO DE GALICIA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta