Ecimat, dez anos de servizo científico para a Galicia mariña

A Estación de Ciencias Mariñas de Toralla cumpre unha década de actividades. Co gallo deste aniversario, o centro da Universidade de Vigo asina un convenio coa Universidade do País Vasco para a constitución do nodo español do European Marine Biological Resource Centre.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 11/06/2016 | Actualizada ás 16:06

Comparte esta noticia

Hai dez anos, en xuño de 2006, abriu as súas portas a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, Ecimat, aínda que o seu xermolo remóntase ao ano 1999, cando o entón vicerreitor de Investigación e hoxe reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, fixo súa a demanda dun grupo de investigadores e investigadoras que solicitaban dispor de instalacións científicas a pé de mar. Co gallo deste décimo aniversario, o actual director da Ecimat, Jesús Souza Troncoso, presidiu un acto conmemorativo para lembrar as súas orixes e a súa evolución ata o momento presente, así como para fixar os retos de futuro aos que se enfronta o centro de investigación mariña.

Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, Ecimat
Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, Ecimat | Fonte: UVigo.

Pero máis aló dos recordos e do que está por chegar, o acto de celebración de, en palabras de Souza, “dez anos de vocación mariña”, estivo protagonizado pola sinatura por parte dos reitores das universidades de Vigo e do País Vasco do convenio para a constitución do nodo español do European Marine Biological Resource Centre, EMBRC, unha das 38 infraestruturas de investigación identificadas pola Comisión Europea como estratéxicas para Europa, que centra a súa actividade na biotecnoloxía azul, disciplina que se ocupa da exploración e explotación dos organismos mariños, co obxectivo de empregar estes e os seus derivados para a identificación, procesamento e desenvolvemento de novos ingredientes e orixe mariño

Coa sinatura do convenio subscrito por Salustiano Mato e Iñaki Goirizelaia créase a estrutura que representa a España en EMBRC, integrada pola Ecimat e a Estación Marina de Plentzia da UPV/EHU e á que se suman centros de investigación mariña doutros nove países europeos. “Este nodo faranos máis visibles e apetecibles para os investigadores que queiran vir aquí e tamén para que o noso persoal investigador vaia a calquera lugar”, asegurou o reitor da Universidade de Vigo, que manifestou o seu convencemento en que “nos agarda un futuro prometedor”.

Pola súa banda, o reitor da UPV/EHU destacou a importancia do convenio asinado hoxe “que establece un marco de traballo e abre grandes posibilidades en tres dimensións: a investigación, a docencia e transferencia”, dixo Goirizelaia.

Á sinatura do convenio seguiulle o descubrimento dunha placa que identifica á Ecimat como integrante como nodo español do EMBRC, informan Mª del Carmen Echevarría e M. Del Río, do DUVI. 

FUTURO

No acto, o director da Ecimat demandou que se manteña no futuro o apoio prestado por administracións locais, autonómicas, estatais e internacionais. para que a estación mariña da Universidade de Vigo poda acadar os seus obxectivos, que pasan, entre outros, por dispoñer de mellor capital humano, promover a excelencia investigadora mediante a formación continua do persoal técnico e investigador, a especialización na prestación de servizos de alto valor para a investigación e o investimento en novas instalacións, que amplíen a capacidade actual a Ecimat.

Acto para celebrar o décimo aniversario da Ecimat
Acto para celebrar o décimo aniversario da Ecimat | Fonte: DUVI.

Especial fincapé fixo Souza Troncoso ao referirse á importancia do capital humano, asegurando que a estación “tivo moita sorte, o compromiso do seu persoal é total e o convencemento de que sempre se pode facer mellor, foi o elemento clave á hora de percorrer este camiño. Nós chamámolo #actitudecimat, en liña co hashtag corporativo #actitudeuvigo e podería resumirse como mellora continua e vocación de servizo aos investigadores e investigadoras mariños”, explicou o director da estación, que incidiu en que a resposta a gran parte dos desafíos aos que se enfronta a sociedade actual, como o cambio climático ou as enerxías limpas, están nos mares e polo tanto a investigación mariña é unha prioridade e máis nunha rexión como Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Nin siquera dez anos de ECIMAT derrogaron os privilexios dos okupas de Toralla // https://flic.kr/p/vQcy8E // Como pode ser que sigan ríndose de todos e nin siquera cumpran a súa propia legalidade!!!