Por GC Emprende | A Coruña | 13/06/2016 | Actualizada ás 16:50
ABANCA acaba de pechar con EOS Spain SLU a súa primeira operación de venda dunha carteira de débeda sen garantía hipotecaria de 1.383 millóns de euros. A venda culmina un proceso competitivo que suscitou gran interese entre os principais fondos de investimento e entidades especializadas de compra venda de carteiras de crédito. ABANCA estivo asesorada por KPMG nunha transacción que se converteu nunha das operacións máis importantes de venda de carteira de débeda impagada sen garantía hipotecaria dos últimos anos.
A entidade bancaria sinala nun comunicado que, con esta venda, “ continúa o seu plan de xerar valor no proceso de desinvestimento de activos non estratéxicos”. A entidade está a estudar operacións similares noutros segmentos co mesmo obxectivo para centrarse no core do seu negocio que é a xestión de activos estratéxicos e a dinamización da economía a través do financiamento a empresas e familias.
Incremento do coeficiente de capital
A operación, ao tratarse de débeda totalmente provisionada, ten tamén un efecto positivo sobre o cociente de solvencia que xa é dos máis elevados do sector financeiro e permite á entidade financeira galega seguir consolidando o seu balance co maior cociente de solvencia e cunha das coberturas máis altas. ABANCA incrementou no primeiro trimestre de 2016 o seu cociente de capital en 5 puntos básicos de modo que se mantén como unha das entidades máis capitalizadas de España, cun cociente do 14,8%. En canto á cobertura de créditos morosos ABANCA pechou o primeiro trimestre cun 60,8%, nivel que se sitúa entre os máis elevados das entidades españolas.
“Para EOS, a adquisición non só significa un fortalecemento da relación con ABANCA, senón tamén unha intensificación da competencia e por suposto, do seu posicionamento no mercado”, engade nun comunicado.
EOS Spain é especialista en xestión de cobros, con sede na Coruña, e subsidiaria do grupo internacional EOS. O Grupo EOS é un dos principais provedores internacionais de servizos financeiros personalizados. A súa actividade principal é a xestión de impagados. Co seu persoal de máis de 8.500 empregados, EOS proporciona seguridade a través de servizos personalizados para os seus aproximadamente 20.000 clientes en máis de 25 países en todo o mundo a través de 50 filiais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.