Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/07/2025 | Actualizada ás 14:05
O promotor do maior proxecto galego de 'Complejo Residencial para Mayores' en Melide pide á Xunta "claracións sobre a viabilidade deste novo modelo de residencia en Galicia así como axilidade nalgúns trámites e permisos para saber se pode ou se será posible levar a bo fin en Melide este macro proxecto residencial.
O proxecto, presentado polo empresario Manuel Casal e familia, leva meses nos caixóns da conselleira. Trátase do 'cohousing', un modelo residencial para xente senior, moi de moda noutros países europeos, que consta de 300 unidades habitacionais colaborativas e unha residencia con 50 prazas para os propios usuarios cando chegue ese momento de dependencia. "Xa temos máis de 400 solicitudes de persoas interesadas neste novo modelo de residencia", afirma Casal, "pero estamos atrancados, necesitamos máis axilidade por parte das Administracións Galegas e local das que depende este proxecto", di.
No fondo, o problema é a consideración que a Xunta lle dea ao proxecto. "Que o consideren como unha residencia ou non é fundamental, aforraría custos, trámites e tempo aos futuros usuarios. A última palabra tena Servizos Sociais", indica o empresario que quere comezar as obras canto antes. "Pero a Xunta debe concretar se cumprimos as condicións para ser considerados unha residencia para persoas maiores ou non, entre outras cuestións. Levamos desde outubro de 2024 pedindo sen éxito unha reunión coa Consellería de Política Social", explica.
INVESTIMENTO DE 40 MILLÓNS
O complexo, que funcionará co modelo dunha cooperativa, suporá un investimento próximo aos 40 millóns de euros para os cales está resolto o problema financeiro e dará emprego a unhas 150 persoas. "Contará con todos os servizos necesarios: consulta médica, fisioterapia e podoloxía; un edificio con cociña, comedor, restaurante, biblioteca e lavandaría, talleres ocupacionais, invernadoiros, entre outros servizos, e un centro deportivo con piscina", engade Manuel Casal.
O impulsor do proxecto recibiu o interese doutros concellos, algúns doutras comunidades autónomas, que lle brindan todo tipo de facilidades e terreos para este proxecto. "Pero nós queremos facelo aquí en Galicia , en Melide, só necesitamos que as administracións autonómica e local respondan e o vexan como algo necesario para gozar desta última etapa, que nos chega a todos, con dignidade e calidade de vida", asegura.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.