As quenllas, cada vez máis asiduas ao litoral galego

Biólogos galegos do grupo Ecología Azul publican un estudo sobre o aumento "inesperado" da presenza de tiburóns azuis en augas pouco profundas de Galicia.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 14/06/2016 | Actualizada ás 12:08

Comparte esta noticia

A observación de quenllas (Prionace glauca) na costa galega non é algo estraño. Porén, nos últimos anos os científicos puideron identificar exemplares en zonas pouco profundas do noso litoral, como praias e portos, o cal non é o habitual. Por iso, os biólogos galegos que conforman o grupo Ecología Azul animouse a realizar un rexistro destes estraños eventos, o que lles permitiu "analizar o fenómeno en detalle" nun estudo que se publicará proximamente no Journal of Fish Biology.

Unha cría de quenlla atopada na Costa da Morte
Unha cría de quenlla atopada na Costa da Morte | Fonte: QPC.

Titulada 'Observations of newborn blue sharks Prionace glauca in shallow inshore waters of the NE Atlantic Ocean', a investigación "presenta novos datos sobre este sorprendente e novo comportamento", adiantan os autores.

"Nos últimos veráns —2014 e 2015— incrementouse inesperadamente a presenza de neonatos e xuvenís en augas costeiras pouco profundas de Galicia", comentan os autores do estudo, no que analizan "diferentes causas para tan insólito comportamiento, como son certas variacións nas condicións oceanográficas, altos niveis de recrutamento da especie, ou cambios nas áreas de cría tradicionais coñecidas", explican.

COLABORACIÓNS

Para o estudo contaron coas "achegas desinteresadas" de organizacións conservacionistas como a CEMMA (Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños) e dun "importante número de persoas que, desde de todos os puntos de Galicia, rexistraron e comunicaron as súas observacións de quenllas, case sempre acompañándoas de valiosos vídeos e fotografías", comentan os membros de Ecología Azul no seu blog, no que agradecen "profundamente este esforzo e compromiso, que supón un claro exemplo do concepto de ciencia cidadá, e que está a axudar a rexistrar e a describir diversos fenómenos mesmo a escala global".

Os investigadores consideran "crucial dar continuidade no tempo ao rexistro deste tipo de información para realizar análises máis profundas e obter conclusións máis robustas sobre este fenómeno", para o cal queren seguir contando coa colaboración cidadá e de distintas organizaciòns e grupos de investigación, aos que animan a "seguir informando de novas citas e observacións de quenllas" e doutras especies, como o tiburón peregrino (Cetorhinus maximus) e doutras especies que poidan ser de interese e que adoitan visitar augas galegas.

---------------------------------

Rafa Bañón, Toño Maño, Gonzalo Mucientes (2016). 'Observations of newborn blue sharks Prionace glauca in shallow inshore waters of the NE Atlantic Ocean'. Journal of Fish Biology.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta