A elección da directora da CRTVG e a comparecencia de Anxos Vázquez, no último pleno antes do verán

O PP pedirá que a Cámara condene a corrupción "instalada no Goberno"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/07/2025 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

A elección da nova directora da CRTVG, Concepción Pombo, que poderá saír elixida por maioría absoluta cos votos en solitario do PPdeG; e a comparecencia da conselleira de Medio Ambiente, Anxos Vázquez, marcarán o último pleno do Parlamento de Galicia antes do parón estival, unha cita que terá lugar os próximos días 8 e 9 de xullo.

Os grupos parlamentarios marcaron na Xunta de Portavoces do pasado martes a orde do día da sesión plenaria, na que a conselleira de Medio ambiente, Ángeles Vázquez, comparecerá para informar da xestión e ordenación do litoral despois do traspaso desta competencia. No pleno que se celebra este martes e mércores e que será o último antes do parón estival, a líder do Bloque, Ana Pontón, preguntará ao presidente da Xunta polas instrucións da Consellería de Educación para "exercer a censura" e o "control ideolóxico" na CRTVG.

O BNG, ademais, volverá levar a denuncia contra o exconselleiro do Mar, Alfonso Villares, por agresión sexual ao pleno a través dunha interpelación na que censurará a "inacción" da Xunta ante o que cualifican de "situación de emerxencia por violencia machista" tras os últimos feminicidios en dous meses. O Bloque tamén defenderá unha proposición de lei de modificación da lei galega do deporte para introducir medidas de promoción da igualdade e de prevención da discriminación tanto das mulleres como do colectivo LGTBI.

Ademais, preguntará polas verteduras radioactivas na fosa Atlántica, así como pola garantía dos dereitos lingüísticos dos galegos e galegas na xustiza.

CITA EN ATENCIÓN PRIMARIA EN 48 HORAS

Pola súa banda, o secretario xeral dos socialistas, José Ramón Gómez Besteiro, pedirá a Rueda un balance da xestión política por parte do Goberno galego na primeira metade do ano. Todo iso nun pleno no que a súa formación volverá defender a proposición de lei para garantir que os galegos teñan cita en Atención Primaria nun prazo máximo de 48 horas. Así mesmo, en materia de sanidade, os socialistas incluirán dúas preguntas orais sobre a "supresión" da atención médica programa nos centros de saudar do concello de Cervo e sobre a necesidade dun plan sanitario urxente para atender o incremento da demanda no Salnés durante o verán.

Así mesmo, interpelarán ao conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, sobre a xestión do transporte escolar, que cualifican de "desastrosa" e presentarán unha moción, derivada da interpelación sobre a crise demográfica presentada no pleno pasado, para propor medidas para frear o despoboamento.

O Grupo Socialista levará ao pleno unha proposición non de lei para reclamar a constitución do Consello da Memoria Democrática de Galicia e presentarán unha proposición non de lei por mor das conclusións do Consello de Contas para que o Goberno galego regule as portas giratorias e a actividade dos grupos de interese. Por último, levarán unha pregunta oral sobre a paralización da construción da variante que conecta o Polígono de Bértoa, en Carballo (A Coruña) coa zona sur do municipio.

O PPDEG ESIXIRÁ Ao GOBERNO RESPONSABILIDADES POLA "CORRUPCIÓN"

Pola súa banda, o Grupo Popular demandará, a través dunha proposición non de lei, que a Cámara mostre o seu rexeitamento expreso á "corrupción" que ve "instalada" no seo do PSOE, do Goberno de España e da contorna persoal e político máis próximo do presidente do Executivo estatal, Pedro Sánchez.

A segunda das proposicións non de lei que o Grupo Popular incorporou á sesión plenaria da próxima semana ten que ver coa celebración do próximo Xacobeo 27 e a necesidade de que o Executivo estatal conceda, "canto antes", a declaración como evento de excepcional interese público, un recoñecemento que, segundo dixo Prado, está apoiado pola Comisión Executiva do Consello Xacobeo e ten o visto e prace do Ministerio de cultura.

A iniciativa tamén reclama un maior e firme apoio económico ante o próximo lustro Xacobeo 2027-2032, co fin de lograr unha maior presenza nacional e internacional que sirva para o reforzo turítico.

Pleno do Parlamento de Galicia / XUNTA / Europa Press
Pleno do Parlamento de Galicia / XUNTA / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta