Por Galicia Confidencial | Compostela | 08/07/2025 | Actualizada ás 12:50
Lara Graña, xornalista do Faro de Vigo, foi elixida gañadora do quinto Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais', organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en colaboración con Gadis, pola reportaxe de investigación «"García del Cid", el buque de luto y cólera». A mención de honra recaeu en Ángel Paniagua polo seu traballo «La vida tras el suicidio de una hija: "Esto le puede pasar a cualquiera"», publicado en La Voz de Galicia.
Os membros do xurado quixeron destacar "o traballo de investigación realizado pola autora, co seguimento exhaustivo dun tema descoñecido para o gran público", que finalmente tivo unha repercusión a nivel estatal. Na acta da resolución deixase constancia de que esta reportaxe é un exemplo destacado de investigación xornalística "pola gran cantidade de documentación e de fontes manexadas pola xornalista", para rematar salientando que “Lara Graña representa, con esta peza, o espírito do galardón, cun xornalismo vivo e útil para a sociedade”.
No transcurso da xuntanza, acordouse conceder tamén unha mención especial como finalista a Ángel Paniagua pola reportaxe «La vida tras el suicidio de una hija: "Esto le puede pasar a cualquiera"», publicada en La Voz de Galicia o 28 de xaneiro de 2024. Deste traballo o xurado destacou “o tratamento coidadoso e profesional dun tema delicado, fuxindo dos estereotipos e da estigmatización que adoitan rodear ao suicidio”.
Os membros do xurado sinalaron a alta calidade dos traballos presentados, que cun total de 25 propostas correspondentes a traballos de prensa, radio, televisión, fotografía e xornalismo dixital "confirman a necesidade de manter nos medios un espazo para a información social de calidade que achegue distintas realidades coa mirada analítica, crítica e contrastada do xornalismo".
A organización realizará un acto de entrega do premio nunha data aínda por concretar. Ademais, como novidade nesta edición, o certame vaise completar coa celebración, no último trimestre do ano, dun seminario no que se pretende reflexionar sobre o papel esencial do xornalismo social en Galicia e o seu impacto na comunidade, así como recoñecer o labor de xornalistas que traballan en temas de interese social en Galicia. O seminario, que será de asistencia gratuíta, vén a reforzar a mensaxe do Premio "Somos Esenciais”, e pretende ser un punto de encontro entre xornalistas e entidades do terceiro sector.
O xurado do quinto Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais' estivo composto por Alexandra Kuntz Peiteado e Fátima Carmena Mayorga, Alba Chao Vázquez, Lara Dopazo Ruibal, Francisco X. González Sarria, Darío Janeiro Pereira, Belén Regueira Leal, Ana Isabel Rodriguez Vazquez e Cristina de la Vega Jiménez.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.