Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/07/2025 | Actualizada ás 19:19
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP expuxo este xoves aos sindicatos CCOO, ANPE e UGT un borrador con medidas para reducir a burocracia nos centros de ensino. Segundo puido saber Europa Press, encima da mesa está o deseño dunha aplicación móbil para realizar os chamamentos aos profesores nas listas de substitutos. Deste xeito, os docentes interinos non terían que estar constantemente pendentes dos seus teléfonos por se reciben unha chamada da Administración para cubrir unha vacante.
E é que a dixitalización é un dos eixos deste plan que viña contemplado no acordo asinado entre o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e os sindicatos CCOO, ANPE e UGT en outubro de 2023. É o mesmo texto que introduciu a baixada de cocientes e horario a partir do curso 2024/25.
Segundo informa a Consellería de Educación nunha nota de prensa, neste encontro participou o titular deste departamento, Román Rodríguez, xunto con secretarios e directores xerais e técnicos de distintos departamentos.
Na reunión, realizouse "unha radiografía integral" dos procesos burocráticos existentes, expuxéronse proxectos piloto e avaliáronse distintas medidas a pór en marcha, a través dun primeiro borrador. Todos estes aspectos plasmaranse nun futuro plan enfocado a reducir tempos, trámites e carga de traballo administrativo do profesorado.
O conselleiro de Educación subliñou que a simplificación burocrática nos centros é "un ámbito prioritario" de traballo que recibirá "un impulso importante a partir de setembro", fixado xa nun plan específico traballado co tres sindicatos asinantes do acordo de 2023.
"CUN ANO DE ATRASO"
Pola súa banda, o tres sindicatos que acudiron á reunión celebran que, a pesar de que vai "cun ano de atraso" con respecto ao que estaba previsto, a Consellería "presente finalmente un documento estruturado, que recolle un conxunto amplo de accións" para simplificar procedementos, impulsar a dixitalización e revisar o marco normativo dos centros.
Trátase dunha folla de ruta que, segundo o comunicado conxunto de CCOO, ANPE e UGT, senta as bases "para un proxecto integral e ambicioso que pretende modernizar a xestión documental" dos colexios.
Os sindicatos comprométense a "estudar en detalle" o borrador do plan que lles entregou a Administración e achegar novas ideas en próximas datas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.