Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/07/2025 | Actualizada ás 14:39
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, entregou este luns a Medalla de Galicia á princesa de Asturias, Leonor de Borbón. Durante o acto, que tivo lugar no Pazo de Raxoi, Rueda reivindicou unha Galicia que "avanza desde o diálogo, a moderación e o sentido da responsabilidade". En contraposición, referiuse a outros lugares nos que "predominan os enfrontamentos e a incerteza", ademais, reivindicou que "nun momento no que a política nacional atravesa episodios de evidente inestabilidade, Galicia representa un valor seguro".
Así, o titular do Goberno autonómico pronunciou un discurso marcado pola súa mención a esa estabilidade como "unha ferramenta ao servizo do benestar, o investimento e o progreso comúns". Nas súas palabras previas á entrega da Medalla, Rueda non pasou por alto as ausencias e sinalou que "quen non entende o seu labor como representante público desde a moderación, de pensar e gobernar para todos os cidadáns e non só para unha parte deles, estar a equivocar".
Nun discurso no que intercalou o galego e o castelán, Rueda lembrou palabras de Castelao e de Otero Pedrayo, e cualificou ao galego como "lingua outrora silenciada e maltratada, hoxe felizmente recoñecida, pero sempre necesitada de atención".
"Lingua, historia e cultura conforman, como dicía, o noso feito diferencial, si; pero feito enriquecedor, tamén, absolutamente compatible coa nosa condición de españois e europeos de pleno dereito", aseverou.
Con todo, apostou por "facer xuntos fuxindo das visións que minusvaloran lingua, cultura e identidade das autonomías, para cobrar forza nun mundo polarizado, facer xuntos para recuperar o espírito da transición, facer xuntos para impulsar a concordia e recuperar a credibilidade institucional intensamente deteriorada nestes días". "Unha tarefa prioritaria na que contamos co alento da súa Maxestade o Rei Felipe V e a súa familia, exemplo nunha España especialmente necesitada de referentes", concluíu Rueda.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.