O Celta ficha con tino

O club celeste paga os tres millóns da cláusula de rescisión de José Naranjo, de 21 anos, un dos xogadores revelación da Segunda División tras marcar 16 goles co Nástic e con ofertas da Premier. É o primeiro reforzo do Celta para a tempada do seu regreso a Europa.

Por gcdeportes | Vigo | 17/06/2016 | Actualizada ás 21:21

Comparte esta noticia

O Celta xa ten a súa primeira fichaxe para a campaña do regreso a Europa. José Naranjo, de 21 anos e procedente do Nástic de Tarragona, vestirá a camisola celeste as vindeiras cinco tempadas tras pagar o club vigués os tres millóns da cláusula de rescisión. O dianteiro andaluz foi un dos xogadores revelación da Segunda División, tras marcar 16 goles nunha espectacular campaña co equipo tarraconense.

O presidente Carlos Mouriño coa primeira fichaxe, José Naranjo.
O presidente Carlos Mouriño coa primeira fichaxe, José Naranjo. | Fonte: @rccelta_oficial

Segundo os medios cataláns, Naranjo rexeitou varias ofertas importantes da Premier League, como Aston Villa e Newcastle, para fichar polo Celta, co que disputará a vindeira edición da Europa League.

José Manuel García Naranjo (Huelva, 1994) é un atacante de moito talento e cun extraordinario futuro. Dotado dunha gran potencia física, pode xogar en calquera das posicións de ataque, aínda que a pasada campaña xogou principalmente na banda esquerda. “Coido que é un paso moi importante na miña carreira. Veño ao Celta a dar o máximo, e sobre todo axudar o equipo a acadar os obxectivos, e tamén a gozar”, apuntou.

Formado na canteira do Recreativo de Huelva, co que debutou en Segunda con 18 anos, recalou no Nástic en 2015 tras pasar polo filial do Vilarreal. Na súa única tempada en Tarragona, Naranjo foi peza chave na clasificación do equipo para o play-off de ascenso, tras rematar terceiro na Liga. Marcou un gol na primeira eliminatoria na que o Nástic caeu con Osasuna. A presentación do novo xogador celeste terá lugar este sábado ás 12:00 horas en Balaídos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta