Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/07/2025 | Actualizada ás 20:24
O secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, participou este luns en Madrid na Comisión Multilateral de Vivenda convocada polo Ministerio con asistencia do secretario de Estado, David Lucas, tras a que reprochou que o Executivo non trasladase o borrador do futuro plan de Vivenda. Segundo comunicou a Xunta nunha nota de prensa, García Porto lamentou que as comunidades regresan da reunión "cunha man chea de nada e outra cousa de ningunha", xa que, segundo apuntou, "non se avanzou nada" sobre o novo plan Estatal de Vivenda, posto que o actual, que comprende o período 2022-2025, está a piques de finalizar.
A Comisión Multilateral, detallou o Goberno galego, é o paso previo á Conferencia Sectorial, na que se adiantan os temas que se desenvolverán xa coa presenza dos conselleiros de todas as comunidades. Con todo, tal e como denunciou a Administración autonómica, o secretario de Estado non explicou ningún detalle do futuro plan. Así, Heriberto García Porto denunciou que ao non ser remitida esta información, non houbo posibilidade de manter ningún debate sobre o contido do plan. Pola contra, o responsable autonómico expuxo que as comunidades "deberían aceptar previamente unha serie de condicións", entre elas, "o cofinanciamento do 40 %" que, segundo sinalou, "Galicia si podería asumir pero é necesario saber para que". "É dicir, non cofinanciar a cegas", manifestou.
"UN OBSTÁCULO MÁIS"
Así, Heriberto García cualificou este feito como "un obstáculo máis" para a posta en marcha do novo plan e, ademais, "queda comprometido que poida estar vixente no ano 2026". Nesta liña, a Xunta lembrou que enviou o pasado mes de decembro de 2024 as propostas de Galicia para incluír no plan, despois do cal, "o Ministerio comprometeuse a enviar un borrador a finais de xaneiro". Ante esta situación, o Goberno galego asegurou que tras o encontro deste luns as comunidades "en ningún momento aceptaron ningún acordo estatal", tal e como, aseverou, "parece que entendeu a ministra". Por todo iso, pediu "máis seriedade e responsabilidade nas súas declaracións", á vez que a instou a "escoitar ás CCAA en lugar de silencialas asumindo acordos que non existen".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.