Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/07/2025 | Actualizada ás 11:06
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, acusou o Goberno de tratar de "amordazar" ás comunidades autónomas ao desconvocar a Conferencia Sectorial de Medio Ambiente a través dun "correo electrónico en horario de noite" o día antes.
En declaracións difundidas aos medios, a titular de Medio Ambiente sostivo que saben de "primeira man" cal é motivo desta suspensión e ten que ver, segundo indicou, co feito de que esta mesma semana "16 comunidades se plantasen ante o Ministerio de Transición Ecolóxica e lle dixesen que xa abonda de terxiversar os informes que fan as comunidades co fin ideolóxico que eles perseguen que neste caso é o tema do lobo".
A conselleira sostivo que se trata da postura de "16 comunidades" na que "non hai ideoloxía" e criticou tamén que o Goberno se "sacase da manga, sen un estudo previo" que o estado de conservación do lobo "era desfavorable" porque entendía que tiña que haber 500 mandas.
Ángeles Vázquez dixo que, ante a petición de explicacións, o Goberno tivo que "retirar ese estudo" e que, "como non era suficiente, agora de súpeto asaltan, por así dicilo, o Estado de Dereito, incumpren a súa propia lei e desconvocan a todo o mundo".
"Deulles igual que a xente tivese axenda, os voos quitados alegando que hai algunha asociación que manda paralizar esta convocatoria", dixo para considerar que o Executivo estatal está "manipulado" por "unha, dous ou tres asociacións".
PETICIÓN DE ASOCIACIÓNS
E é que, segundo coñeceu Europa Press, despois de que se notificase a desconvocatoria, o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, trasladou un correo á Xunta no que se informaba de que a suspensión do encontro debíase á petición formulada por asociacións que presentaron queixas ante o Defensor do Pobo e que motivaron a interposición contra varias disposicións da Lei de prevención de perdas e do desperdicio alimentario.
En concreto, a través desta norma sacouse ás poboacións do lobo da Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (LESRPE).
Así as cousas, a Xunta asegurou que as comunidades autónomas pedirán que se celebre esa conferencia sectorial "amparándose na lei" que, conforme sinalou, apunta que se un terzo das comunidades piden a convocatoria, "tense que levar a cabo".
Ademais, afirmou que teñen que "notificar a Europa que é o que está a ocorrer no estado español" porque "xa está ben de que nos tomen o pelo" e de que queiran facer "algo que é contrario á lei en si".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.