Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 22/07/2025 | Actualizada ás 18:20
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, recibiu este martes a unha vintena de profesionais neerlandeses que se están formando na loita contra incendios forestais no Centro Integral de Loita contra o Lume (CILL), situado no municipio ourensán de Toén, onde destacou o "potencial formativo" de Galicia neste sentido. En concreto, a titular do Medio Rural explicou que neste 2025 serán 60 os bombeiros que terán a oportunidade de coñecer e aprender os métodos, procedementos e ferramentas empregados polo Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Galicia.
Cómpre sinalar que esta é a primeira expedición neerlandesa que chega a Galicia, xa que na primeira metade de agosto está prevista a chegada dun segundo grupo de bombeiros dos Países Baixos. Na segunda metade do mes será a quenda dunha delegación procedente de Estonia, que repite a súa experiencia en 2024. Finalmente, en setembro chegarán tamén bombeiros do País Vasco. Trátase da segunda vez que o Goberno autonómico participa nunha actividade destas características, enmarcada no Mecanismo Europeo de Protección Civil.
Con todo, a Xunta debullou nunha nota de prensa que estas delegacións recibirán formación teórica e práctica no CILL de Toén, un centro creado e deseñado pola Xunta para "perfeccionar a formación do persoal", que centraliza tanto a formación continua dos bombeiros forestais como a instrución de novos profesionais neste ámbito. A conselleira lembrou que o obxectivo principal deste centro é "convertelo nun referente no ámbito da cooperación internacional", para polo ao servizo de todos os profesionais europeos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.