O BNG insta ao Goberno a crear un punto de coordinación transfronteirizo no tramo internacional do río Miño

Da Silva destacou que "Galicia e o norte de Portugal comparten unha realidade social, cultural e económica que non pode seguir sendo ignorada pola política estatal".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/07/2025 | Actualizada ás 12:16

Comparte esta noticia

A senadora do BNG, Carme da Silva, rexistrou no Senado unha iniciativa para o seu debate na Comisión Xeral de Comunidades Autónomas, na que insta o Goberno a crear un Punto de Coordinación Transfronteiriza no tramo internacional do río Miño. A proposta, destacaron os nacionalistas nunha nota de prensa, enmárcase no novo Regulamento (UE) 2025/925 do Parlamento Europeo e do Consello, coñecido como BRIDGEforEU, que establece instrumentos específicos para facilitar o desenvolvemento e crecemento das rexións fronteirizas da UE.

Neste contexto, Da Silva destacou que "Galicia e o norte de Portugal comparten unha realidade social, cultural e económica que non pode seguir sendo ignorada pola política estatal". "A creación dun Punto de Coordinación Transfronteirizo no Miño é unha oportunidade histórica para superar barreiras administrativas e legais que dificultan o día a día da cidadanía e das empresas a ambos os dous lados da raia", subliñou a senadora do Bloque. Así, detallou que a moción rexistrada propón que este punto actúe como un servizo de ligazón coas autoridades dos Estados membros para identificar e resolver obstáculos administrativos, legais e técnicos "que frean o desenvolvemento de proxectos comúns" na fronteira galego-portuguesa.

"Falamos dunha das zonas con maior densidade de interacción social e económica de toda a UE. O tránsito entre Galicia e Portugal é tan intenso como o do resto da fronteira española con Portugal xunta, o que reflicte a necesidade de contar cunha estrutura que facilite a cooperación efectiva en materia de infraestruturas, servizos públicos ou medio ambiente", reivindicou Carme da Silva. Ademais da creación deste punto, a iniciativa do BNG tamén reclama que os fondos do programa INTERREG sexan aplicados de maneira efectiva nos concellos situados na fronteira para garantir unha cooperación real e con resultados visibles para a cidadanía.

A senadora do BNG, Carme da Silva
A senadora do BNG, Carme da Silva | Fonte: DAVID CURRAL - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta