O fútbol gaélico chega ás festas de Ourense

Auriense FG organiza este domingo a primeira edición do torneo Festas de Ourense, coa colaboración do Concello e da Universidade de Vigo, no que se enfrontará a Herdeiros de Dhais, de Lalín, co obxectivo de dar un paso máis na difusión do fútbol gaélico en Galicia.

Por gcdeportes | Ourense | 25/06/2016 | Actualizada ás 08:45

Comparte esta noticia

O fútbol gaélico chega á programación das festas de Ourense. Como novidade deste ano, está a celebración do I Torneo Festas de Ourense de fútbol faélico, que terá lugar este domingo 26, a partir das 18.00 horas, no campo de fútbol-rugby do campus de Ourense. A cita, organizada polo Auriense FG, equipo creado pola Asociación Universitaria de Ciencias da Educación, conta coa colaboración do Servizo de Deportes da Universidade de Vigo e do Concello de Ourense.

Auriense FG, organizador da terceira edición da Copa Galega de fútbol gaélico en Xinzo de Limia.
Auriense FG, organizador da terceira edición da Copa Galega de fútbol gaélico en Xinzo de Limia. | Fonte: Auriense FG

A súa celebración servirá, apuntan os seus promotores, para dar un paso máis na difusión do puxante gaélico galego na cidade das Burgas. O I Torneo Festas de Ourense de fútbol gaélico contará con participación tanto feminina coma masculina. Ás 18.00 horas comezará o encontro entre os equipos femininos do Auriense FG e de Herdeiras de Dhais, de Lalín. Seguiralle ás 19.00 horas o partido masculino destes mesmos equipos.

Desde a organización animan a todas as persoas interesadas neste deporte, unha combinación de fútbol e rugby, a achegarse ás instalacións universitarias a coñecer esta modalidade deportiva e gozar cos encontros.

Culminación do curso

A celebración desta competición culmina todo un curso de actividades arredor do fútbol gaélico levadas a cabo dende AUCE, e que comezaron coa posta en marcha a finais do ano pasado de dous equipos de fútbol gaélico, o Auriense FG masculino, que xoga na segunda división da Liga galega, e o Auriense FG feminino, que xoga na división única, ademais de participar xogadores e xogadoras de ambos no equipo mixto Afiadoras. “Empezamos arredor de 15 persoas e agora xa somos máis de 40 nos adestramentos, arredor do 90% alumnado universitario”, destaca Millán Brea, xogador do equipo e membro da asociación universitaria promotora.

Co obxectivo de fomentar o deporte rei de Irlanda entre os ourensáns e tendo en conta a afección que xa existe na cidade por deportes afíns como o rugby (Campus Ourense ascendeu este ano a División de Honra B), o Auriense FG levou a cabo durante o curso académico diversas iniciativas, como unhas Xornadas Abertas de Fútbol Gaélico ou a organización da Copa Galega de fútbol gaélico a principios de maio en Xinzo de Limia.

Con esta traxectoria, decidiron este ano propor a celebración do I Torneo Festas de Ourense de fútbol gaélico, que finalmente se celebrará este domingo. O obxectivo é, subliñan os seus responsables, que os participantes se divirtan ao mesmo tempo que fomentan a práctica do exercicio físico, non a competición profesional.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta