Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 31/07/2025 | Actualizada ás 16:52
A xunta de goberno local do Concello de Pontevedra aprobou este xoves diversas recomendacións para moderar o consumo de auga, ante o baixo nivel de caudal do río Lérez. Segundo informou en rolda de prensa a alcaldesa accidental, Eva Vilaverde, estas medidas son unha previsión ante a escaseza de auga na conca do Lérez, cun caudal que se situou este xoves, 30 de xullo, en 1,70 metros cúbicos por segundo.
"Non se prevé a curto prazo que poida chover, máis ben todo o contrario", subliñou Eva Vilaverde, que lembrou que o protocolo interno deseñado tras a seca do ano 2022 indica que se deben tomar medidas cando o nivel do caudal baixa de 1,80. A alcadesa accidental asegurou que o abastecemento está garantido neste momento a todos os municipios teñen captacións no Lérez, pero indicou que fai falta concienciar á poboación sobre o seu consumo diario para asegurar o aforro de auga e o uso racional deste "ben escaso".
Deste xeito, a Xunta de Goberno Local acordou recomendar á cidadanía e ás empresas e entidades sobre a necesidade de facer un "uso sustentable da auga". Pide que non se use a auga apta para consumo humano para encher piscinas particulares, regar xardíns ou para a limpeza de coches particulares, etc.
CONSUMOS MUNICIPAIS CONTROLADOS
O Concello tamén anuncia que moderará os consumos municipais (baldeos das rúas, regas de xardíns, peche de fontes ornamentais, e outras medidas). Ademais, recomendan a instalación de dispositivos de aforro doméstico así como doutras medidas para evitar o uso innecesario da auga, tales como a utilización de sistemas de aforro de auga nas billas, pechar a billa durante o cepillado ou empregar a ducha en lugar do baño. "Parecen cousas sen importancia pero temos que ser conscientes de que non somos nós sós os que empregamos a auga", destacou a dirixente municipal.
PETICIÓN ÁS EMPRESAS
O Concello tamén insta as empresas e industrias a "minimizar o consumo" e a un "uso razoable" da auga do abastecemento municipal, tendo en conta que o uso prioritario é o do abastecemento á poboación. O goberno local confía en que se "tome conciencia" da importancia de levar a cabo medidas de aforro no consumo da auga, "evitando o malgasto e minimizando os usos prescindibles".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.