Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/08/2025 | Actualizada ás 13:41
Trece comunidades autónomas, xunto con Ceuta e Melilla, solicitaron á Comisión Europea unha reunión para denunciar que o Goberno central non lles permitiu votar en conferencia sectorial o informe sexenal sobre o estado de conservación do lobo. Na carta, dirixida á comisaria europea de Medio Ambiente, Jessika Roswell, acusan ao Executivo de Pedro Sánchez de vulnerar o principio de cogobernanza e provocar unha situación de “extrema gravidade” ao querer remitir a Bruxelas un informe sen aprobación autonómica.
As comunidades aseguran que nunha reunión técnica celebrada o 10 de xullo o informe elaborado polas propias autonomías foi avalado por ampla maioría, reflectindo que o lobo se atopa en estado de conservación favorable. Porén, denuncian que o Ministerio para a Transición Ecolóxica desconvocou unilateralmente a Conferencia Sectorial prevista para o 22 de xullo, alegando motivos sen relación directa, como un recurso de inconstitucionalidade á Lei de Desperdicio Alimentario, e negouse a reactivar a convocatoria malia as peticións formuladas os días 21 e 24.
Ao mesmo tempo, o Ministerio pediu á Comisión Europea unha prórroga para presentar os informes sexenais do Artigo 17 da Directiva Hábitats, que inclúen o do lobo, debido a problemas técnicos no novo sistema da Axencia Europea de Medio Ambiente. O informe do Goberno, segundo fontes do MITECO, sinalará que o estado de conservación do lobo é desfavorable, o que impediría autorizar controles letais sobre a especie, segundo unha sentenza recente do Tribunal de Xustiza da UE.
A polémica vén de lonxe, desde que o lobo foi incluído en 2021 na Listaxe de Especies Protexidas, e intensificouse coa nova Lei de Desperdicio Alimentario que, na práctica, permitiría de novo a súa caza. Mentres organizacións ecoloxistas denuncian unha “disparidade xudicial” na xestión da especie entre comunidades como Cantabria ou Galicia, as chamadas CCAA ‘loberas’ (Galicia, Castela e León, Asturias e Cantabria) conseguiron apoio maioritario para un informe alternativo ao do MITECO, que agora queda bloqueado pola falta de convocatoria da Conferencia Sectorial.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.